O PP presentará unha moción para esixir ao alcalde que lle reclame ao Goberno central todos os investimentos que ten pendentes en Vigo

O Partido Popular considera que son temas de verdadeiro calado que Abel Caballero non reclamou, como a supresión da peaxe da AP9, a solución aos accesos ao barrio de Teis desde a AP9 ou a reforma da avenida de Madrid, entre outros
Publicado por o día 02/09/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

O PP presentará unha moción para esixir ao alcalde que lle reclame ao Goberno central todos os investimentos que ten pendentes en Vigo

O portavoz popular, Alfonso Marnotes, anunciou hoxe, que no próximo pleno municipal do 4 de setembro, o Partido Popular presentará unha moción para esixir ao alcalde que reclame ao goberno de España, do seu propio partido político, que acometa os investimentos transcendentais para a cidade.

O PP entende que o alcalde debería realizar as seguintes reclamacións:

  • A supresión da peaxe da AP9
  • A solución aos accesos ao barrio de Teis desde a AP 9 e a súa conversión nunha vía urbana ou soterrada
  • O soterramento da VG-20 ao seu paso por Navia
  • O AVE directo a Vigo por Cerdedo
  • O saída sur da cidade por ferrocarril
  • A nova autovía ao Porriño
  • A Declaración de Interese Xeral da mellora do abastecemento de auga a Vigo
  • A reforma da avenida de Madrid
  • A recuperación e rexeneración da fronte litoral

“Hai que saír do recuncho localista e reduccionista no que o alcalde meteu á cidade e ser, de novo, a urbe moderna, puxante, plural, integradora, innovadora, solidaria e de vangarda que foi. Vigo necesita un goberno que estableza alianzas, que negocie acordos, que se entenda con outras administracións, institucións e colectivos”, afirma Alfonso Marnotes.

“Con todo, Abel Caballero cre que a mellor maneira de volver liderar e ocupar ese espazo é enviando cartas á Xunta de Galicia e a distintos organismos e institucións. Podería recompilalas todas e publicalas nun libro. Propoñémoslle ata o título: ‘Cartas desde a torre’”, explica Marnotes.

O PP critica que non lle enviou nin unha soa carta ao Goberno central, do seu mesmo partido político. “A gran parte das medidas que Vigo necesita e, desde logo, as máis importantes, dependen do goberno de Madrid”, asegura.

“Son temas de verdadeiro calado que o alcalde non reclamou. El, que di ser o único defensor de Vigo. Cremos que son temas esenciais para o futuro da cidade que demandan o traballo conxunto do Concello e dos distintos Ministerios”, conclúe Marnotes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.