O PP presume de incremento de persoal na sanidade, pero datos do Consello de Contas desmínteo

Critica que o titular de Sanidade compareza, por petición propia, para presentar “como gran logro” un acordo paralizado polo Partido popular dende hai 9 anos que non recoñece moitos dos dereitos dos profesionais da sanidade
Publicado por o día 26/09/2018 na sección de BNG,Política

O PP presume de incremento de persoal na sanidade, pero datos do Consello de Contas desmínteo

A deputada do BNG, Montse Prado afeou onte a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, a petición propia, para informar dos acordos sobre a carreira profesional. Neste sentido, a nacionalista criticou que o titular de sanidade non fora quen de comparecer despois do 4 de agosto, trala morte dun doente no PAC da Estrada por falta de atención médica e hoxe, dixo, “veña ao Parlamento a ler o DOG” nuN momento no que a sanidade pública galega está nunha “situación de emerxencia”.

A deputada criticou que o titular de sanidade nunca comparecera en sede parlamentar cando a oposición llo reclamaba e cualificou de “lamentable” a política sanitaria a respecto dos profesionais da sanidade cos que se comportan  explicou,  como “o peor dos empregadores”. Hoxe, ven vostede a falarnos da carreira profesional como un “gran logro” pero en realidade este acordo leva “nove anos paralizado polo Partido popular. Un acordo, engadiu produto de “moito traballo sindical e mesmo unha folga”. A carreira profesional, recalcou Prado, non é “só un recoñecemento económico”, debe ser un instrumento para a promoción en termos de “formación continua, compromiso coa sanidade pública, e para que  as mellores prácticas redunden en beneficiou do doente”.

A parlamentaria, con certa cautela, deu a benvida a un acordo que a pesar de non  abordar algúns aspectos importantes pode, en certa medida, ser o primeiro paso para mellorar unha situación moi afectada pola redución de prazas, precariedade laboral, OPEs insuficientes e  contratacións por días e horas. Sobre esta última cuestión, a nacionalista acusou ao Partido popular de mentir e amosou dende a tribuna diferentes contratados para demostrar que a política laboral da Xunta provoca que moitos traballadores e traballadoras do sistema sanitario se vexan obrigados a buscar traballo fora. “Son contratos de acumulación de tarefas” de “quince contratos para unha persoas ao día”. Por outra parte, Prado tamén negou que o dato de  incremento do número de traballadores e traballadoras no sistema sanitario que exhibe o Partido popular , e afirmou que o propio Consello de Contas avaliou aos traballadores  a diario concluíndo que  entre 2009-2016 en Atención hospitalaria hai “639 profesionais menos, e en Atención primaria, 1.096 profesionais menos” e si nos referimos a persoal fixo, “os datos son demoledores” a pesar de computar a substitutos e eventuais. A política real de persoal constata que hai menos traballadores a diario.

A parlamentaria saudou o acordo para a carreira profesional pero reiterou que o Partido popular non pode presumir de facer ben as cousas en materia de política laboral na saúde, porque segue existindo “moita precariedade, non foron repostos os efectivos eliminados e sobre todo, non atende as xustas demandas do persoal do 061 e dos PACs de todo o país”, concluíu.