O PP, principal problema para a sanidade pública

Publicado por o día 30/01/2019 na sección de Política,PSOE

O PP, principal problema para a sanidade pública

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, lamentou hoxe o veto do PP á proposta socialista para implantar un Plan Extraordinario de Recursos Humanos para Atención Primaria no Sistema Galego de Saúde. Torrado presentou unha Proposición non de Lei na que reclamaba recuperar as xerencias de Atención Primaria e unha ofensiva de emprego para suprimir a precariedade e mellorar a atención sanitaria á cidadanía.

O responsable socialista criticou que “vostedes son o problema do sistema sanitario” que están “destrozando” porque “non cren na sanidade pública”. Criticou así o “amago de rectificación” iniciado polo presidente da Xunta ao recoñecer agora a situación precaria da sanidade pública, co que, dixo, “entendeu que se ten que parecer a Emilio Pérez Touriño, pero non chega”.

Torrado propuxo o impulso da dotación de recursos humanos a través de 400 prazas na OPE de atención primaria dos anos 2019 e 2020 “a maiores das destinadas á reposición, traslados e promoción interna”. Ademais, instou á Xunta a rematar coa precariedade dos traballadores da sanidade galega, cando un de cada catro profesionais ten contrato eventual.

Prazas MIR

Acusou ademais ao goberno galego de reclamar agora a ampliación de titulados MIR cando “non teñen acreditado as prazas nin os titores. Advertiu que a Xunta “non ten os deberes feitos” e sinalou que de pedir agora unha convocatoria excepcional “paralizaría a convocatoria en marcha que se examina este mesmo sábado”.

Expliou que o goberno de Rajoy “deixou máis de 500 peticións de acreditacións de toda España sen resolver, e o Ministerio de Sanidade ten que resolver este problema agora” despois de anos nos que a daquela ministra Dolors Montserrat dicía que “non hai déficit real de profesionais” e o goberno galego “caladiño e aplaudindo”.