O PP propón a creación de 4.000 prazas de estacionamento en 4 anos coa construción de 11 novos aparcadoiros

Elena Muñoz avoga pola colaboración público-privada e pola reserva de prazas para residentes en novos aparcadoiros en Teis, Balaídos, Torrecedeira, Navia, Travesía de Vigo, Bouzas, Casco Vello, A Dobrada, Casabranca, A Miñoca e Gran Vía
Por o 12/02/2019 | Sección: Galicia,Partido Popular,Política,Vigo
O PP propón a creación de 4.000 prazas de estacionamento en 4 anos coa construción de 11 novos aparcadoiros
Compartir en:
A portavoz popular Elena Muñoz propuxo hoxe a creación de 4.000 prazas de aparcadoiro nun período de 4 anos coa construción de 11 novos aparcadoiros en diversas zonas da cidade. “Son necesarios e atenden ás demandas dos veciños que escoitamos diariamente”, apuntou a popular, detallando que os novos estacionamentos localizaríanse nas zonas de Teis, Bouzas, Casco Vello, Balaídos, Torrecedeira, Miñoca, Dobrada, Travesía de Vigo, Navia, Casabranca e Gran Vía.
 
“Cremos que estes aparcadoiros públicos son fundamentais, e son a única maneira de resolver o grave problema que sofre Vigo”, incidiu a candidata popular, que resaltou o seu compromiso con esta proposta avogando para o seu desenvolvemento pola colaboración público-privada e pola reserva de prazas para residentes. “Hai determinadas zonas onde urxe dar solucións aos veciños”, profunda.
 
Non en balde, e como detallou, en 12 anos de goberno socialista non só “non se fixo nada por solucionar o problema de estacionamento”, senón que se realizou unha “eliminación masiva de máis de 3.000 prazas en todo Vigo”, sen ofrecer nin unha soa alternativa aos veciños.
 
“O balance é desolador”, prosegue Elena Muñoz, quen lembra que, ademais da perda de todas estas prazas, durante a última lexislatura pecháronse 2 aparcadoiros: “O de Praza de Portugal tardaron 3 anos en volver abrilo, e o de Porta do Sol aínda segue sen unha data realista para a súa reapertura”.
 
A líder dos populares criticou que, a pesar desta situación, o goberno local recada 8 millóns de euros ao ano en multas de aparcadoiro, impoñendo para iso ao redor de 100.000 sancións por exercicio. Ademais, prosegue, desde que Caballero é alcalde, aplicouse unha subida dun 30% no imposto de circulación que pagan os vigueses.
 
“O problema é evidente. Hai menos prazas de aparcadoiro que nunca, pero os vigueses pagan máis multas e máis imposto de circulación que nunca”, resaltou a popular.
 
Elena Muñoz destacou que esta falta de estacionamento, ademais de afectar os veciños, tamén resulta “letal” para o comercio local. Neste sentido, indicou que “a mobilidade é fundamental para dinamizar a actividade dos comercios”, xa que, se non hai onde estacionar nun barrio, búscanse alternativas noutro.
 
A candidata popular comprometeuse a traballar “en positivo” para resolver estes problemas de aparcadoiro e de mobilidade, e destacou que desde o grupo municipal do Partido Popular “ofrecen unha solución real a un problema real”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.