O PP rexeita a proposta socialista para a creación de novas escolas infantís nas sedes da Xunta

Publicado por o día 26/06/2019 na sección de Política,PSOE

O PP rexeita a proposta socialista para a creación de novas escolas infantís nas sedes da Xunta

O portavoz socialista de Política Institucional, Juan Díaz Villoslada, reclamou hoxe no Pleno do Parlamento escolas infantís para o persoal que traballa nas sedes da Administración autonómica. O PP rexeitou esta proposta na que os socialistas dábanlle ao goberno galego un prazo de seis meses para acordar a implantación deste servizo coas organizacións sindicais máis representativas na administración autonómica.

O representante socialista sinalou a necesidade de implementar dende a Xunta un servizo de escolas infantís nos seus propios centros de traballo máis importantes, en San Caetano e San Lázaro, así como nas principais cidades. Explicou que “só os complexos administrativos autonómicos de Vigo e Pontevedra contan con escolas infantís nas súas dependencias mentres que nas cidades de Santiago, Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense non acontece o mesmo”.

Díaz Villoslada dixo que “o persoal das administracións destas cidades só contan cunhas pequenas axudas proporcionadas pola Axencia Galega de Servizos Sociais”. Afeoulle ao Goberno que complexos administrativos como o de San Caetano “non conten con tales servizos a pesar do numeroso persoal que presta o seu traballo nestas dependencias cando centros administrativos máis pequenos contan con tales servizos”.

O deputado socialista advertiu que “Galicia é a Comunidade Autónoma con peor saldo vexetativo e na que máis cae o número de nacementos” e lembroulle ao Goberno que “a implantación de escolas infantís nos centros de traballo trátase dunha medida positiva cara á conciliación familiar, así como unha medida que reduce o absentismo, aumenta a motivación e produtividade, mellora a planificación, diminúe a ansiedade e incluso mellora a comunicación”.

Advertiu que “a necesidade da creación dunha rede de escolas infantís nos centros de traballos públicos é unha cuestión que debe contar coa participación e colaboración das organizacións sindicais máis representativas, e na que se debe incluír unha previsión sobre os tempos concretos e investimentos necesarios cara á súa efectiva implantación, que non debe ser superior a catro anos”.

Díaz Villoslada amosou a preocupación socialista pola “implantación de servizos de escolas infantís para o persoal funcionario da Administración autonómica que presta os seus servizos en Santiago de Compostela, singularmente en San Caetano e San Lázaro, así como para aqueles centros de traballo propios máis importantes cos que conta Galicia”. Unha implantación, sinalou, “que debe contar coa participación das organizacións sindicais máis representativas nun prazo máximo de seis meses”.