O PP rexeita buscar unha solución definitiva para o saneamento das augas residuais de Ponteareas

Marcos Cal sinalou que o goberno galego ten dúas opcións: seguir formando parte do problema sen actuar ou recoñecer os seus erros e comezar a preservar os recursos hídricos.
Publicado por o día 15/01/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O PP rexeita buscar unha solución definitiva para o saneamento das augas residuais de Ponteareas

Os votos en contra do Partido Popular impediron sacar adiante este mércores unha iniciativa do Grupo Común da Esquerda para buscar unha solución definitiva para o saneamento das augas residuais de Ponteareas. O deputado Marcos Cal, que defendeu a proposta na Comisión do Medio Ambiente sinalou que o goberno da Xunta de Galicia, “ten dúas opcións: seguir formando parte do problema sen actuar ou recoñecer os seus erros e comezar a preservar os recursos hídricos”.

Marcos Cal lembrou que “o río Tea sofre agresións constantes, como denuncia o grupo ecoloxista Adenco. Trátase dunha zona Rede Natura que o PP debería estar protexendo, pero chégase tarde porque xa se produciu moito dano, xa que a agresión medioambiental que está mermando as poboacións de diferentes especies de flora e fauna”. Así, engadiu que “a veciñanza de Ribadetea leva moitos anos reclamando esta operación de saneamento. Só escoitaron promesas e ningunha concreción do PP, que segue botando balóns fóra. Isto é rirse da xente e un insulto á intelixencia despois de estar tantos anos gobernando na Xunta e o Estado”.

O deputado criticou deste xeito que os conservadores reclamen unha partida dos Orzamentos do Estado para a ampliación da EDAR, mentres que nos Orzamentos da Xunta non inclúen ningunha cantidade destinada a iniciar a primeira fase de saneamento das augas, como tiñan comprometido.  “O PP bota balóns fóra, pero poderían comezar a solventar o problema se quixeran comezando con este saneamento”, sinalou.

Cal apuntou tamén que as sancións aplicadas pola Confederación Hidrográfica Miño Sil “non solucionaron nada, porque se trasladan cartos da cidadanía dunha administración a outra mentres non se actúa sobre o problema”. Desta maneira, insistiu en que “o PP non está cumprindo as directivas da Unión Europea en materia de augas residuais. Galicia conta con multitude de puntos negros que non cumpren coa directiva europea en xestión de augas residuais, e que teñen feito que a UE abrise expediente e sancionase ao Estado español 18 anos despois da data límite fixada”. Fronte a isto, instou a Xunta a “liderar a búsqueda de acordos e comezar a infraestrutura de saneamento” para dar resposta ao problema de saúde pública e de conservación medioambiental que supón esta situación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.