O PP rexeita facilitar o acceso ao aluguer ao negarse a definir o concepto de vivenda baleira

Julia Torregrosa reclamou esta medida para que os concellos poidan aplicar o recargo do IBI previsto na Lei de Facendas Locais.
Publicado por o día 07/02/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O PP rexeita facilitar o acceso ao aluguer ao negarse a definir o concepto de vivenda baleira

Os votos en contra do Partido Popular impediron este venres a aprobación dunha iniciativa do Grupo Común da Esquerda para facilitar o acceso ao aluguer, negándose unha vez máis a definir o concepto de vivenda baleira. A deputada Julia Torregrosa reclamou esta medida a través dunha Proposición Non de Lei na Comisión de Economía do Parlamento para que os concellos poidan aplicar o recargo do IBI a estes inmobles, tal como establece a  Lei de Facendas Locais.

Torregrosa lembrou que “temos insistido en reiteradas ocasións (e tamén con pouco éxito), para que o goberno galego exerza a súa capacidade normativa para incorporar na Lei de Vivenda a definición do concepto de inmoble de uso residencial desocupado con carácter permanente, aos efectos da aplicación do recargo do IBI”. Así, considerou que “non é xustificable, desde ningún punto de vista, que o Goberno galego permaneza inactivo nesta materia, pechándose en banda e impedindo que os concellos que o necesiten poidan aplicar as medidas previstas na Lei”, tendo en conta ademais que a conselleira de Vivenda comprometeuse a definir este concepto en outubro de 2019.

A deputada tamén incidiu en que, segundo o propio Goberno do PP no Estado que impulsou esa modificación, “este recargo non persegue unha finalidade recadatoria, senón unha finalidade dinamizadora do mercado da vivenda. Case dazaoito anos despois, os concellos galegos seguen sen poder aplicalo”. Torregrosa remarcou ademais que o INE estima que en Galicia existen arredor de 300.000 vivendas baleiras, a maioría en mans de grandes posuídores e insistiu na necesidade de mobilizar eses inmobles, dada a situación de difícil acceso á vivenda de aluguer.

“Trátase de poñer nas mans dos Concellos que o necesiten ferramentas para que poidan incidir no mercado da vivenda, mobilizando, ou polo menos ofrecendo estímulos para que os propietarios de vivendas baleiras, nomeadamente os grandes posuídores, que son os mesmos que inflaron a burbulla causante da crise, poñan esas vivendas no mercado, para que se incremente a oferta de alugueres, e para que os Concellos poidan contribuír, na medida das súas posibilidades, a que se faga real o dereito constitucional a unha vivenda digna”, concluíu a deputada.

Comentar noticia

Your email address will not be published.