O PP solicita polo Plan Concellos da Deputación obras que incluíra no remanente do Concello de 2016

Publicado por o día 08/09/2018 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

O PP solicita polo Plan Concellos da Deputación obras que incluíra no remanente do Concello de 2016

No pleno do 27 de xullo de 2017 tratouse a incorporación, para obras municipais, de máis dun millón de euros procedentes do remanente do 2016; aprobada coa abstención do PSOE e o voto en contra do resto da oposición.

Entre os numerosos investimentos onde decidiu o PP investir este remanente, estaban:

-Acondicionamento e mellora de camiño da Granxa de Vilar, camiño da Barronca de Cesantes e camiño da Cabadiña de Cedeira.

-Acondicionamento e mellora do camiño San Pote de Cedeira e do camiño do Arango, Redondela.

-Acondicionamento e mellora de camiños municipais en Saramagoso, O Viso; e Cabritas, Reboreda.

-Acondicionamento e mellora da rúa Campo das Redes e rúa do Hospital.

O pasado 7 de agosto a páxina do Facebook do Concello de Redondela publicou unha serie de obras e subministros incluídos no Plan Concellos 2018, acusando á Deputación de Pontevedra da demora das mesmas. Curiosamente entre as obras solicitadas atópanse as mencionadas anteriormente e incluídas na modificación de crédito do remanente.

Ademais da reprochable utilización de xeito partidista da páxina do Concello de Redondela por parte do PP, sorpréndenos que o Partido Popular solicite á Deputación unhas obras para as cales o equipo de goberno xa tiña crédito dispoñible dende xullo do 2017. O goberno local puido facer estas obras, e por outro lado, puido ter pedido outras actuacións (para as que non houbese xa partida asignada) ao Plan Concellos da Deputación. A demora nestas catro obras non se poden achacar máis que ao equipo de goberno, co alcalde e deputado provincial Javier Bas á cabeza.

Sorpréndenos tamén que esta acusación do PP á Deputación, vía páxina de Facebook do Concello de Redondela, non tivera resposta por parte do PSdeG-PSOE de Redondela.

Ninguén no PSOE se deu conta que estas 4 obras solicitadas á Deputación xa estaban incluídas na incorporación de remanente aprobada coa súa abstención incondicional?

Javier Bas (PP) e Digna Rivas (PSOE) deputados por Redondela, tampouco se percataron desta duplicidade? Estes cargos públicos están a cobrar na Deputación como representantes de Redondela, pero parece que lles interesan máis as loitas partidistas que o pobo ao que representan.

E por certo, cando van a facer públicos Javier Bas e Digna Rivas os cartos que reciben da Deputación na páxina de transparencia do Concello tal como se aprobou por unanimidade na moción de AER no pleno do 6 de xuño do 2013?