O PP sospeita que se alterou fraudulentamente o expediente administrativo de O Marisquiño para “tapar as vergoñas do Goberno local”

O deputado autonómico e portavoz da Comisión, Alberto Pazos, lembra que o Concello denegou a documentación ao Parlamento de Galicia e que só puideron acceder a ela mediante unha petición a título persoal “baixo o amparo da Lei de transparencia”
Por o 06/03/2019 | Sección: Galicia,Partido Popular,Política,Vigo
O PP sospeita que se alterou fraudulentamente o expediente administrativo de O Marisquiño para “tapar as vergoñas do Goberno local”
Compartir en:
O portavoz do Grupo Popular na comisión de investigación sobre o accidente do Marisquiño, Alberto Pazos, destacou hoxe que, unha vez recibida e analizada a documentación que solicitou a nivel persoal, xunto á tamén deputada Teresa Egerique, sobre este suceso, “pódese constatar que se alterou fraudulentamente o expediente administrativo municipal deste festival, nun intento desesperado de tapar as vergoñas do Goberno local”.
 
Alberto Pazos lembrou esta mañá en Vigo que “no día de onte finalizou a fase de comparecencias do Plan de Traballo da Comisión de Investigación sobre o Marisquiño, coa comparecencia do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda”. “Agora empeza a fase de elaboración do relatorio coas conclusións, aínda que estamos á espera de recibir toda a documentación solicitada, entre a que imos incorporar a que nos facilitou a nivel persoal o Concello de Vigo, que solicitamos ao amparo da Lei de Transparencia despois de fose negada de forma incomprensible ao Parlamento de Galicia”.
 
Neste marco, Alberto Pazos sinalou que tras realizar unha lectura xeral do conxunto da documentación e un estudo pormenorizado do expediente de O Marisquiño facilitado agora polo Concello, leste presenta “importantes diferenzas” con respecto ao que se facilitou á oposición en Vigo e que a portavoz popular, Elena Muñoz, proporcionou á súa vez ao Parlamento.
 
Así, o portavoz da Comisión revelou que existen documentos con data de entrada anterior á solicitude de copia do expediente realizada polos grupos da oposición en Vigo, polo que se proba que “o Concello de Vigo ocultou esa información xa que non lles foi entregada en ningún momento”.
 
Entre estes documentos atópanse un primeiro rexistro no Concello de Vigo do Plan de Autoprotección, que o alcalde tentou facer pasar na súa comparecencia no Parlamento como a solicitude de autorización do evento; a solicitude para realizar adestramentos e probas de descenso pola Zona vella, solicitando cortar o tráfico para montaxe de rampla de chegada; un e-mail co Plan de Autoprotección; outro e-mail coa convocatoria de reunión de coordinación de seguridade; e-mail de agradecemento e notificación de horarios e plano definitivo, e distintos informes sobre actuación no accidente por parte de Bombeiros, Policía Local e Protección Civil.
 

Incorporación irregular de documentos

 
Alberto Pazos lamentou tamén que Caballero tentase “enganar á Comisión de Investigación e aos cidadáns ao ocultar que outra serie de documentos foron incorporados ao expediente municipal de forma irregular”, xa que neles non consta “nin selo de entrada, nin rexistro electrónico, nin email que xustifique o seu envío”.
 
Neste paquete de documentos figuran o seguro de responsabilidade civil; a declaración xurada do promotor; a declaración responsable do escenario do concerto, carpa de son, bares e estruturas anexa, e a certificación de estruturas asinada polo técnico competente.
 
“O alcalde mentiu en sede parlamentaria, mentiu aos cidadáns e mentiu ás vítimas”, incide Pazos, lembrando que todos estes documentos foron mostrados por Caballero na súa comparecencia mentres afirmaba que toda esta documentación “foi recibida por rede e acreditada a súa entrada de forma telemática”.
 
O deputado popular ha criticado que o alcalde ignorase as obrigacións de solicitar “as certificacións que garantían a seguridade das estruturas” e cuestionou que “se todos estes documentos son posteriores ao que o propio Concello define como autorización do evento, -que non é máis que unha autorización para o descenso e os concertos-, seica deuse primeiro a autorización e comprobáronse os requisitos despois?”. “Onde están os certificados das instalacións? Os boletíns de conexión eléctrica? A documentación dos postos de restauración, escenarios e bancadas?”, preguntou Pazos, incidindo en que Caballero “permitiu o maior evento deportivo de Galicia sen facer as comprobacións pertinentes”.
 

Responsabilidade penal

 
Neste marco, Alberto Pazos lembroulle ao alcalde que o artigo 502.3 do Código penal establece penas de presión de seis meses a un ano por faltar á verdade en comisión parlamentaria e o artigo 390, que castiga con penas de tres a seis anos e inhabilitación especial por tempo de dous a seis anos a “a autoridade ou funcionario público que, no exercicio das súas funcións cometa falsidade”.
 
“Imos seguir traballando e seguiremos informando. Ademais, poñeremos a disposición da Fiscalía a comparecencia do alcalde na Comisión de Investigación para que valore a necesidade de tomar as medidas que correspondan”, subliñou, á vez que manifestou o seu desexo de que a próxima edición do evento celébrese “coas condicións de seguridade que o goberno de Abel Caballero ignorou por completo na última edición e que afortunadamente non será a última”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.