A portavoz popular, Elena Muñoz, acompañada dos concelleiros Diego Gago e Miguel Fidalgo, visitou hoxe os terreos onde está proxectado o futuro pavillón municipal de Matamá, onde urxiu ao goberno local a poñer diñeiro no orzamento de 2019 para poder acometer esta infraestrutura e a realizar a modificación urbanística necesaria.
“Os veciños levan esperando 25 anos por este pavillón”, continuou a líder dos populares, quen subliñou que para facelo realidade resulta imprescindible un “compromiso firme”. “O alcalde e o seu equipo, ata a data, só fixeron fogos artificiais, sacándose un proxecto da manga, e mandándollo á Xunta para que aplique unha lei que aquí non se pode aplicar”, profunda.
A este respecto, Elena Muñoz destacou que o feito de “que Matamá teña un pavillón está en mans do goberno local, porque é competencia municipal”, motivo polo que, como anunciou, o seu grupo leva ao pleno de mañá unha moción na que insta o executivo a dar os pasos necesarios cara a esta infraestrutura deportiva.
“Hai que facer a modificación urbanística necesaria, que só ao goberno municipal compételle; neste caso un PERI. E hai que poñer diñeiro no orzamento municipal de 2019, porque a cantidade consignada agora mesmo é de 0 euros”, continuou a portavoz popular.
Neste marco, Elena Muñoz avogou por traballar con “seriedade e rigor” porque “os veciños de Matamá non se merecen máis erros, nin promesas baleiras de contido coa única vontade política de confrontar coa Xunta de Galicia”.
Por este motivo, e como incidiu, “levámolo mañá ao pleno esperando que non lle sigan dando as costas a Matamá”. “O demais é querer rizar o rizo, seguir na confrontación, perder o tempo e facerlle perder o tempo aos veciños de Matamá, que 25 anos despois non se merecen máis longas nin guerras estériles entre administracións”, concluíu.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.