O PP vota en contra da proposta de En Marea para ampliar o número de xulgados específicos de violencia machista nas cidades

En Marea logra que sexan respaldados por unanimidade outros puntos da súa proposta, relativos a incrementar a formación nos xulgados non exclusivos e promover a especialización
Publicado por o día 20/02/2019 na sección de En Marea,Política

O PP vota en contra da proposta de En Marea para ampliar o número de xulgados específicos de violencia machista nas cidades

O Partido Popular votou hoxe en contra da iniciativa de En Marea para aumentar o número de xulgados exclusivos en materia de violencia machista nas cidades. A medida, incluída nunha Proposición non de Lei defendida por Luís Villares na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia, buscaba dar resposta aos datos que indican un repunte dos casos relacionados coa violencia contra a muller, tal como recolle a memoria da Fiscalía Superior de Galicia. O voceiro de En Marea sinalou a idoneidade de revisar a lei de planta e demarcación xudicial coa finalidade de ampliar o número de xulgados deste tipo ante a necesidade de “optimizar os seus recursos e mellorar a súa eficacia”, pero o PP tumbou a proposta.

Nesta PNL, En Marea presentaba tamén outros puntos relativos á formación e á especialización que si foron respaldados por unanimidade dentro da comisión. Deste xeito, aprobouse o incremento da especialización nos xulgados non específicos reforzando a formación do funcionariado. “Así o veñen reclamando ano a ano as asociación xudiciais”, apuntou Villares.

Ademais, tamén se lle deu luz verde a adoptar medidas para favorecer a especialización de varios partidos xudiciais lindeiros onde non se dificulte o acceso por razón de distancia á xurisdición, promovendo a comarcalización dos servizos dedicados á loita contra a violencia machista, como o Imelga ou as Oficinas de Atención ás Vítimas. Para Villares isto supón “concentrar mellor os recursos para atender mellor as vítimas”.