O PPdeG alíñase con Casado e vota en contra do desenvolvemento de patios escolares inclusivos e coeducativos

Luca Chao defendeu esta mañá a iniciativa no Parlamento e rexistrou tamén outra para instar a Xunta a opoñerse á censura do ‘PIN parental’
Publicado por o día 21/01/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

O PPdeG alíñase con Casado e vota en contra do desenvolvemento de patios escolares inclusivos e coeducativos

O Grupo Común da Esquerda presentou esta mañá na Comisión de Educación unha iniciativa para instar a Xunta a desenvolver un Plan de patios escolares inclusivos e coeducativos, que foi rexeitada polos votos en contra do Partido Popular.

Nun contexto no que o Partido Popular ten demostrado a súa connivencia coa extrema dereita á hora de expulsar a educación en igualdade e a perspectiva de xénero do ensino público, o bloqueo por parte dos deputados populares á iniciativa sitúa o PPdeG nunha posición próxima aos postulados defendidos por Pablo Casado, malia que Luca Chao instou na defensa da iniciativa a que se “desmarcasen desas declaracións” e dixesen de xeito claro que en Galicia “non van pactar con Vox” no caso de que o partido de ultradereita conseguise algún deputado nas vindeiras eleccións.

A voceira do Grupo lembrou que a “liberdade educativa á que tanto se alude” conséguese en realidade “cunha formación cívica e íntegra con principios democráticos de respecto ás persoas, sexan como sexan e queiran a quen queiran, unha conquista da cidadanía na que non imos dar ningún paso atrás”. Chao criticou que o Partido Popular votase en contra dunha proposta que supón “un ensino máis feminista e inclusivo”, baseada en “principios democráticos básicos que tamén vostedes defenden”. “Non existe ningunha xustificación para votar en contra desta proposta, porque facelo é cuestionar os alicerces básicos da democracia: a igualdade non é optativa, é obrigatoria. Lamentablemente, nótase que hoxe non é 8 de marzo nin 25 de novembro, que son os días que lle dura ao Partido Popular de Feijóo o compromiso coa igualdade”, engadiu.

A iniciativa ía encamiñada a “reforzar o papel das escolas en prol da igualdade e como espazo de combate contra as violencias machistas e os estereotipos e roles que producen a desigualdade de xénero”, tal como explicou Luca Chao na súa exposición. “Nos últimos anos introducíronse avances importantes neste campo, os que Vox e os seus amigos do PP queren tombar, pero non deixan de ser puntuais e suficientes. Queda aínda moito camiño por percorrer”, lembrou a voceira. Nesta liña, un dos aspectos relativos á igualdade sobre o que se están a elaborar numerosas reflexións é precisamente o uso dos espazos para acadar a accesibilidade física, sensorial e emocional de todos os nenos e nenas.

“O espazo central dos patios escolares vese ocupado maioritariamente polos xogos de pelota, maioritarios entre os nenos, mentres que as nenas se ven apartadas a espazos secundarios”, resumiu Luca Chao. Neste sentido, a iniciativa propuña unha redistribución das zonas dos patios para democratizar o seu uso, reservando unha zona para xogos de pelota pero tamén habilitando outros espazos para xogos tradicionais, zonas verdes e hortas e outros xogos inclusivos e non excluíntes “para que participen todos os nenos e nenas en igualdade”. “Instamos a Xunta a crear un Plan de patios inclusivos e coeducativos co que non só se acade a adaptación física, senón que tamén se traballe para transformar as relacións de xénero que se forman desde a infancia e se perpetúan na nosa sociedade”, manifestou Luca Chao.

PIN parental. O Grupo Común da Esquerda vén de rexistrar tamén unha iniciativa “para que o Partido Popular se manifeste en contra da penosa censura educativa que está defendendo Vox da man de Casado”, segundo explicou tamén Luca Chao. “Non se pode dicir que se está coa igualdade mentres se permiten retrocesos graves que poñen en cuestión o papel da escola como un espazo de inclusión no que se fomenten valores fundamentais de respecto e convivencia entre todas as persoas”, criticou. “A dereita odia a escola pública e sementa esta polémica porque na pública se iguala a todas as persoas, independentemente da súa situación económica e da ideoloxía das súas familias”, finalizou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.