O PPdeG asegura que a nova cociña do CHUO “non só manterá os postos de traballo, senón que se incrementarán con dietistas e nutricionistas”

A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo asegurou hoxe no Parlamento galego a nova cociña no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense “seguirá a ser xestionada directamente polo Servizo Galego de Saúde e non só se manterán todos os postos de traballo actualmente desempeñados por persoal estable, senón que se incrementarán con profesionais titulados en dietética e nutrición, ademais dun novo cociñeiro”.
Publicado por o día 04/09/2019 na sección de Partido Popular,Política

O PPdeG asegura que a nova cociña do CHUO “non só manterá os postos de traballo, senón que se incrementarán con dietistas e nutricionistas”

Rodríguez-Vispo concretou que “a apertura da nova cociña do CHUO, que supuxo un investimento de cinco millóns de euros, está prevista para o próximo mes de outubro, unha vez remate a dotación do equipamento e a súa posta en marcha, así como a previa formación do persoal”.

Así mesmo, lembrou que no caso do CHUO optouse por unha cociña mixta na que poder desenvolver procesos en liña quente e fría de xeito combinado para dar servizo completo a este complexo hospitalario.

CATRO NOVOS POSTOS DE TRABALLO

Respecto do persoal, a deputada popular afirmou que “a Xunta de Persoal do CHUO e o propio persoal da cociña xa coñece, logo das reunións celebradas nos meses de xullo e agosto con responsables do Sergas, que ninguén vai perder o seu posto de traballo coa posta en marcha desta nova cociña”.

“Non só non se perden postos de traballo, senón que se crean catro novos para profesionais titulados en dietética e nutrición, que aportarán garantía, seguridade e calidade ao servizo”, concretou Marta Rodríguez-Vispo, quen engadiu que “se incorporará un novo cociñeiro para cumprir co compromiso de igualdade de presenzas nas quendas de luns a domingo”.

Por todo isto, Rodríguez-Vispo demandou aos socialistas galegos que “non falten á verdade nin confundan á cidadanía con acusacións sen fundamento, xa que o modelo de xestión desta nova cociña non suporá para nada unha privatización nin a eliminación dos postos de traballo”.