O PPdeG considera “intolerable” a falta de colaboración do Concello de Vigo, Zona Franca e Puertos del Estado coa Comisión de Investigación do Marisquiño

Alberto Pazos pediu que “recapaciten e envíen a documentación para que poidamos facer xustiza coas máis de 460 persoas afectadas polo accidente”
Publicado por o día 26/12/2018 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

O PPdeG considera “intolerable” a falta de colaboración do Concello de Vigo, Zona Franca e Puertos del Estado coa Comisión de Investigación do Marisquiño

O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos considerou hoxe “intolerable” a falta de colaboración amosada polo Concello de Vigo, Zona Franca de Vigo e Puertos del Estado, todas elas administracións gobernadas polo Partido Socialista, para facilitar a documentación solicitada para a Comisión de Investigación sobre o accidente do Marisquiño. “Pedimos que recapaciten e remitan a documentación solicitada ao Parlamento galego para que poidamos facer algo de xustiza, como é investigar as causas nas que tivo lugar o accidente, que afectou a máis de 460 persoas”, manifestou.

Alberto Pazos lembrou que, logo das primeiras comparecencias nesta Comisión de Investigación celebradas o pasado 22 de novembro (co representante da Plataforma de Afectados polo accidente, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias e o xerente da EOXI de Vigo), “tanto a Mesa da Comisión como os grupos parlamentarios que participamos nesta Comisión decidimos dar un prazo de tempo para que as distintas entidades públicas e privadas ás que solicitamos documentación puideran remitir a mesma e, deste xeito, ter unha base para afrontar as distintas comparecencias”.

Porén, lamentou que “a día de hoxe témonos atopado con situacións variadas pero cun nexo común: a falta de remisión da documentación solicitada pola Comisión de Investigación”.

DISPOSICIÓN DO PRESIDENTE DO PORTO DE VIGO

En primeiro lugar, sinalou que “a pesar do interese amosado polo Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo de comparecer na Comisión de Investigación, Puertos del Estado mantén a opinión de que, ao tratarse dun organismo estatal, non está suxeito ás comisións de investigación dun Parlamento autonómico, unha situación semellante á que vivimos coa Comisión de Investigación sobre as caixas galegas”.

Pazos referiuse a unha carta remitida polo Presidente da Autoridade Portuaria á Presidenta de Portos do Estado, e da que enviou copia ao Parlamento de Galicia, na que “non só manifesta que non se opón a comparecer na Comisión de Investigación, senón que estima que mellor é facelo porque ‘nada hai que ocultar e nada se perde por aportar transparencia ao caso’.

Así mesmo, o presidente do Porto de Vigo considera que as peticións de documentación do Parlamento deberían tramitarse a través de Portos do Estado, polo que afirma que xa dou as instrucións aos seus servizos para remitir toda a documentación requirida a través de Portos do Estado.

Un segundo caso de ausencia da documentación solicitada é a Zona Franca de Vigo. Aquí, a través dun escrito remitido ao Parlamento informan que poñen a disposición do Parlamento toda a documentación, pero na súa sede de Vigo. Esta situación motivou que o Parlamento xa se teña dirixido de novo a Zona Franca (o pasado 19 de decembro) para que facilite unha copia da documentación para que sexa máis axeitada a súa consulta.

DOCUMENTACIÓN IMPRESCINDIBLE DO CONCELLO

Por último, o deputado popular destacou o caso do Concello de Vigo, amosando a súa “preocupación pola total ausencia de resposta aos requirimentos realizados polo Parlamento” os días 13 de novembro, o 22 de novembro e, máis

recentemente, o 19 de decembro. Pazos afirmou que “se trata dunha documentación imprescindible para o desenvolvemento normalizado das labores da comisión”.

Diante desta situación, Alberto Pazos lamentou a “ausencia de colaboración por parte destas tres administracións gobernadas polos socialistas”, polo que demandou que “finalice este intento de obstaculizar o normal funcionamento da Comisión de Investigación”.

Respecto das comparecencias na Comisión de Investigación sobre o accidente do Marisquiño, Pazos avanzou a Mesa acordou, logo de consensualo cos grupos parlamentarios que participan nesta Comisión, que s retomen o vindeiro 15 de xaneiro cos representantes políticos da oposición no Concello de Vigo, aos que seguirán os organizadores do Festival; os técnicos do Concello de Vigo e do Porto; outros técnicos externos; os responsables do Concello de Vigo e do Porto de Vigo; e, para rematar, os responsables da Xunta.

1ª Sesión da Comisión Investigación O Marisquiño

#Vigo #Marisquiño2018 #ComisiónInvestigaciónOs comparecentes da primeira sesión da Comisión de Investigación do Marisquiño do Parlamento de Galiza ofreceron moitas respostas sobre o accidente con máis feridos da historia recente de Galiza e deixaron moitas interrogantes, especialmente á falta de interese do PSdeG en que se chegue ao fondo do asunto. Como denunciou o deputado @Jose Alberto Pazos Couñago, é incalificable que os responsables do PSOE non teñan a decencia de escoitar ás propias vítimas.- O portavoz dos afectados e pai dunha ferida no accidente, Julio López, pediu responsables «con nomes e apelidos» e denunciou que o PSdeG non se reuniu coa plataforma de afectados, e preguntou: «Onde está o calor que prometeu o concello de Vigo?»- O xerente a Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, recordou que o Plan de Emerxencias Municipal de Vigo non se actualizou en ningún momento pese á obriga legal de facelo e revelou que, durante o accidente con máis feridos da historia recente de Galicia, o alcalde de Vigo non se puxo en ningún momento en contacto co 112!- O xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial loubou a gran profesionalidade e entrega dos profesionais sanitarios e a excelente coordinación e resposta do servizo galego de saúde, unha resposta "fantastica" en palabras das propias vítimas.

Publicada por Noticias de Vigo en Jueves, 29 de noviembre de 2018