O PPdeG cre que o apoio recibido “cárganos de responsabilidade para seguir devolvéndolle aos galegos a confianza que nos dan”

De feito, as Mareas de Podemos pasaron en catro anos de liderar a oposición a ser unha forza extraparlamentaria e o PSOE, desde abril de 2019 a xullo de 2020, perdeu máis de 270.000 votos, a razón duns 20.000 ao mes ou uns 660 ao día. “A falta de proxecto e de capacidade de xestión de ambos deixoulle capitalizar o traballo de oposición a un BNG que agora deberá demostrar que camiño quere tomar”, dixo.
Publicado por o día 15/07/2020 na sección de Partido Popular,Política

O PPdeG cre que o apoio recibido “cárganos de responsabilidade para seguir devolvéndolle aos galegos a confianza que nos dan”

O número dous do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que a confianza que recibiu a súa formación nas Eleccións Autonómicas non é motivo de relaxación: “Este apoio cárganos de máis responsabilidade para seguir devolvéndolle aos galegos todo o que nos dan, convídanos a seguir acertando e defendendo con máis forza os intereses de Galicia e convócanos a traballar por seguir construíndo un partido amplo, integrador e capaz de representar a máis galegos”.

O secretario xeral resaltou que a porcentaxe de voto acadada polo PP foi do 48% -hai que remontarse ás Autonómicas 2001 para atopar unha porcentaxe de voto tan alta nunhas eleccións ao Parlamento de Galicia- e gañou en todas as provincias, nas sete cidades e na inmensa maioría de concellos -298 de 313-. “Obtivemos 11.285 votos máis que a suma de PSOE, BNG e Galicia en Común, o que supón case un 1% máis ca todos eles xuntos”, salientou.

Ademais de ser un gran resultado para o partido, “posto que segue a merecer a confianza maioritaria de todos os galegos, máis especialmente cando saben que van vir tempos moi duros no ámbito económico e social”; e para o presidente, que por cuarta vez lle pediu unha confianza extraordinaria aos galegos e por cuarta vez lle foi outorgada; “foi un gran resultado para Galicia”, manifestou Tellado.

“Galicia votou libremente e con seguridade nun contexto inédito, pese ao discurso do medo que algúns quixeron alimentar;  falou alto e claro, apostando por un presidente e un equipo con experiencia contrastada; e sabe que ten un Goberno que poderá gobernar desde o primeiro minuto, que saberá sacar Orzamentos en prazo e que terá unha folla de ruta clara”, insistiu.

CASTIGO AO GOBERNO CENTRAL

De igual xeito, o secretario xeral amosouse moi orgulloso de que a Comunidade apostase de novo pola estabilidade, polo rigor e pola moderación que representa o Partido Popular e Alberto Núñez Feijóo, e tamén polo feito de que se afastase de populismos de todo signo.

Nese senso, referiuse a que, na primeira ocasión que tiveron, os electores galegos castigaron moi severamente aos partidos que conforman o Goberno central, ata o punto de quedar cunha quinta parte da representación na Cámara galega.

De feito, as Mareas de Podemos pasaron en catro anos de liderar a oposición a ser unha forza extraparlamentaria e o PSOE, desde abril de 2019 a xullo de 2020, perdeu máis de 270.000 votos, a razón duns 20.000 ao mes ou uns 660 ao día. “A falta de proxecto e de capacidade de xestión de ambos deixoulle capitalizar o traballo de oposición a un BNG que agora deberá demostrar que camiño quere tomar”, dixo.

Así mesmo, asegurou que os populares esperan que no novo Parlamento haxa mudanzas nas formas, de xeito que a oposición abandone o insulto que puxera de moda o rupturismo nas dúas últimas lexislaturas; e no fondo, posto que os galegos deixaron claro que queren menos crispación e máis entendemento, menos loita partidista e máis acordos que redunden na mellora da vida das persoas.  “Cremos que é posible e agardamos que os demais tamén o pensen, porque o noso acerto será tamén o do conxunto da sociedade á que representamos”, sentenciou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.