O PPdeG critica que o Goberno central “se pregue aos intereses do Concello de Vigo para axudar na súa fuxida de non comparecer na Comisión do Marisquiño”

Tanto a concelleira de Urbanismo como a arquitecta municipal solicitaron o aprazamento da súa comparecencia coa escusa de que a ministra de Política Territorial solicitou o 17 de xaneiro un informe ao Consejo de Estado en relación coa obriga dos cargos públicos locais de comparecer nos parlamentos autonómicos
Publicado por o día 25/01/2019 na sección de Galicia,Partido Popular,Política,Vigo

O PPdeG critica que o Goberno central “se pregue aos intereses do Concello de Vigo para axudar na súa fuxida de non comparecer na Comisión do Marisquiño”

O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos cualificou hoxe de “sorprendente e intolerable que o Goberno central socialista se pregue aos intereses do goberno municipal de Vigo para axudar na súa fuxida para non comparecer na Comisión de Investigación sobre o accidente do Marisquiño”. “Esperamos que cese esta deturpación das institucións que son de todos e que dunha vez por todas os socialistas cambien de actitude e se aveñan a colaborar con este Parlamento, que o único que persegue é a verdade e darlle unha explicación aos 467 feridos e ao conxunto da cidadanía de Vigo e de toda Galicia de por que aconteceu un accidente que cada día estamos máis convencidos que nunca tería pasado se se tomasen as medidas axeitadas e previstas na Lei de espectáculos públicos de Galicia”, indicou.

Alberto Pazos informou que tanto a concelleira de Urbanismo do Concello de Vigo, como a arquitecta municipal María Luisa Sobrino veñen de rexistrar no Parlamento unha solicitude de aprazamento da súa comparecencia na Comisión de

Investigación do Marisquiño (previstas para os días 14 de febreiro e 31 de xaneiro, respectivamente) coa escusa de que o Goberno do Estado, a través da ministra de Política Territorial e Función Pública, solicitou o pasado 17 de xaneiro un informe ao Consejo de Estado en relación coa obriga dos cargos públicos representativos da administración local de comparecer no seo de comisións de investigación creadas por parlamentos autonómicos.

“Nos parece gravísimo que unha ministra socialista use e abuse das súas prerrogativas ministeriais para solicitar ao Consejo de Estado, presidido por unha ex vicepresidenta dun Goberno socialista, un informe que ampare a estratexia obstrucionista dun alcalde do seu partido”, sinalou Pazos. Neste sentido, considerou “interesante coñecer cales son os motivos que xustifican que unha ministra socialista poida poñer o seu departamento no Goberno central a disposición desta estratexia de fuxida dos responsables do Concello de Vigo e poñer así unha nova traba á súa presenza neste Parlamento”.

SEN RESPECTO AO PARLAMENTO

O deputado popular manifestou que esta actuación faise “sen manter un mínimo respecto ao Parlamento galego, que representa a todos os galegos e que o único que pretende é obter a verdade do que aconteceu e cales foron os motivos que permitiron que se producira este accidente desgraciado que todos lamentamos”.

“Pedimos que a ministra recapacite por este uso espurio que fai das súas potestades como ministra de España e tamén pedimos que recapacite o alcalde de Vigo e que veña a cumprir coa súa obriga de comparecer nunha comisión de investigación do Parlamento galego, como levan facendo desde hai anos e con total normalidade todos os alcaldes cando so requiridos para isto”, sinalou.

Alberto Pazos criticou que esta situación é unha mostra máis da “falta de interese dos responsables do Concello de Vigo, co seu alcalde á cabeza, e de todos os socialistas galegos para que se coñeza a verdade sobre o accidente do festival do Marisquiño, ocorrido o pasado mes de agosto”. Así, lembrou que tanto Concello de Vigo, como Zona Franca e Autoridade Portuaria, a través do Ministerio de Fomento, se negaron a remitir ao Parlamento galego a documentación solicitada pola Comisión de Investigación, “documentación de enorme importancia para coñecer se se seguiu adecuadamente a tramitación administrativa, que está determinada pola Lei de espectáculos públicos de Galicia, e saber se se garantiron as condicións de seguridade para a celebración dese evento”.