O PPdeG propón que os servizos de arrendamento dun VTC se realicen cunha antelación mínima de 15 minutos

Publicado por o día 18/11/2019 na sección de Partido Popular,Política

O PPdeG propón que os servizos de arrendamento dun VTC se realicen cunha antelación mínima de 15 minutos

O Grupo Popular solicita, a través dunha emenda presentada ao proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta, que se debaterá en Pleno o vindeiro luns, que os servizos de arrendamento de vehículos con condutor (VTC) deberán contratarse cunha antelación mínima de quince minutos á súa prestación.

Así mesmo, sinálase que a contratación destes servizos deberá formalizarse en soporte papel ou electrónico.

A emenda do Grupo Popular ten como obxectivo avanzar na garantía dunha competencia leal entre os servizos de taxi e os vehículos de transporte con condutor, segundo se recolle na Lei 4/2013 de transporte publico de persoas en vehículos de turismo de Galicia.

CLARIFICAR LEGALMENTE

A prestación de servizos de transporte público en vehículos de turismo mediante arrendamento de vehículos con condutor require dunha contratación previa por parte das persoas usuarias, reservándose á actividade de taxi a prestación de servizos de carácter discrecional, contratados no momento nas paradas ou a través dos medios establecidos para o efecto. A emenda do Grupo Popular pretende clarificar legalmente a antelación mínima que debe darse entre a contratación previa do servizo e a súa prestación material por parte da empresa, a fin, precisamente, de garantir que a dita contratación é anterior a esta última.

Deste xeito, e logo dunha análise da normativa existente noutras administracións e a operatividade das dúas actividades de transporte, considérase que unha antelación mínima de 15 minutos obedece aos requisitos de proporcionalidade e racionalidade, toda vez que marca unha separación temporal mínima entre a contratación e a prestación material do correspondente servizo. Ademais, este tempo non constitúe unha penalización para a prestación dos servizos de transporte e o exercicio da actividade de arrendamento de vehículos.

Con esta modificación da lexislación vixente, dáse un paso máis ao establecer a nivel legal unha maior concreción dos requisitos temporais requiridos para considerar que se produce unha precontratación do servizo, nunha liña semellante ao que viñeron realizando nos últimos meses diferentes comunidades autónomas e logo de escoitar ás organizacións asociativas máis representativas destas actividades profesionais e empresariais de Galicia, tanto do taxi como das VTC tradicionais.

DEIXAR CONSTANCIA DA CONTRATACIÓN

Por outra banda, o Grupo Popular tamén propón unha modificación da Lei de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia a fin de establecer a forma de deixar constancia da contratación dos servizos de arrendamento dun vehículo con condutor e do tempo transcorrido entre a contratación e a prestación deste servizo.

Así, a contratación deste servizo deberá formalizarse en soporte papel ou electrónico e durante a prestación do mesmo deberá levarse a bordo do vehículo copia deste contrato ou dispoñer de medios que permitan acreditar a súa celebración por medios electrónicos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.