O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, salientou hoxe que o Plan de Transporte Publico posto en marcha pola Xunta en 2017 “conseguiu que ningún galego quedase sen servizo de transporte ao incrementar os servizos, coas novas modalidades de transporte a demanda e compartido, e dando estabilidade e seguridade a máis de 500 traballadores das liñas renunciadas”.
Martín Fernández lembrou que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia “doulle a razón á Xunta e desestimou todos os recursos interpostos polas asociacións, federacións de transporte e as organizacións sindicais do sector contra os pregos de concesión do servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada”.
ABSOLUTA CORRECCIÓN XURÍDICA
Neste sentido, salientou que a Xunta “non se opuxo naquel momento á paralización cautelar do proceso de presentación de ofertas porque sempre defendeu a absoluta corrección xurídica do proceso de licitación e non se opuxo tampouco para non prexudicar aos licitadores”.
O portavoz popular manifestou que o Plan de transporte público da Xunta “é un plan equilibrado economicamente” e explicou que os 100 contratos que recorreron as empresas e cuxos recursos foron desestimados suporán unha achega por parte da Administración de 500 millóns de euros e acadarán un volume de negocio de 630 millóns de euros.
Así mesmo, Fernández Prado salientou que a Xunta asinou cos sindicatos UGT, CC.OO. e a CIG a finais de marzo “un acordo de cláusulas sociais de referencia nacional, que blindaba a seguridade e a calidade do emprego dos traballadores do transporte de viaxeiros por estrada de Galicia”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.