A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, comeza coa recollida de bugallas, tanto de xema como de folla, para coñecer o grao de parasitación do Torymus sinensis, individuo que combate a doenza da avespiña do castiñeiro (Dryocosmus Kuryphilus).
Así, coa chegada do outono, tómase en campo unha mostra de bugallas co fin de comprobar os resultados da parasitación, logo das soltas realizadas nos meses de primavera. Este proceso consiste en seleccionar unha serie de puntos onde se realizaron ditas soltas do parasito e que se localizan grazas ás coordenadas GPS que se tomaron no momento da liberación do Torymus sinensis.
En total recolleranse bugallas en 1.200 puntos de mostraxe. En cada punto colleranse un mínimo de 10 bugallas, para un total de 12.000 bugallas. A elección do lugar de recollida dentro da árbore é aleatoria co fin de dispor dunha mostraxe non sesgada. Porén, unha pequena porcentaxe de dita selección é dirixida e, nestes casos, recolleranse as bugallas das partes altas da copa do castiñeiro e en zonas máis próximas ao tronco.
A principal finalidade desta mostraxe é coñecer a presenza e as taxas de parasitismo das soltas realizadas durante estes últimos anos, pero tamén recoller outro tipo de información valiosa para a loita da avespiña do castiñeiro, doenza que impide a frutificación.
Esta información é pública e pódese consultar no boletín de avisos de sanidade forestal da Oficina Virtual da Consellería do Medio Rural na seguinte ligazón: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/servizos/publicacions-electronicas-periodicas
Ademais, cómpre sinalar que o resultado deste tipo de soltas confirmou que o parasito se está asentando nos soutos de castiñeiros de Galicia e, polo tanto, demóstrase a efectividade desta medida, que está sendo un referente noutras comunidades autónomas e, incluso, noutros países.
Neste senso, cómpre sinalar que as soltas realizadas este ano chegaron ao 1,6 millóns de individuos de Torymus sinensis, aumentando o número en cada un dos puntos de solta, o que supón que a porcentaxe de parasitación seguiu aumentando e, polo tanto, asentaranse as poboacións do parasito.
Loita biolóxica
A Consellería do Medio Rural leva realizando estas actuacións desde o ano 2015, cando se empezou coa primeira solta experimental, previa autorización do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, cun total de 1.500 individuos de Torymus liberados.
Así, desde que se comezou con estas soltas experimentais, na nosa comunidade liberáronse máis de 4,1 millóns destes individuos, sendo arestora un dos poucos métodos existentes para loitar contra este organismo. Isto conlevou, un orzamento de máis de 5,1 millóns de euros só nos tres últimos exercicios (2018, 2019 e 2020).
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.