O presidente do centro galego de Barcelona avoga pola profesionalización deste tipo de entidades

Nunha entrevista en esRadio Galicia, Carlos Mandianes salientou hoxe a importancia do apoio das administracións, pero asegurou traballar tamén por abrir o Centro á colaboración con empresas privadas, “que cando ven unha xestión profesional queren sentarse con nós”.
Publicado por o día 07/01/2019 na sección de Galicia

O presidente do centro galego de Barcelona avoga pola profesionalización deste tipo de entidades

O presidente do Centro Galego de Barcelona, Carlos Mandianes, avogou hoxe pola profesionalización dos centros galegos para que este tipo de entidades asociativas poidan ofrecer máis e mellores servizos, promover con máis medios a cultura galega e establecer lazos entre esta e a do lugar de destino. Nunha entrevista realizada esta mañá polo director de esRadio Galicia, Ignacio Balboa,
Mandianes salientou a importancia do apoio das administracións públicas, pero asegurou que, no seu caso, está a poñer todo o empeño en abrir o Centro á colaboración con empresas privadas, “que cando ven unha xestión profesional queren sentarse con nós”.

“A Administración galega apóianos moitísimo”, sinalou Carlos Mandianes. “Nós sempre pedimos máis, pero somos conscientes de que hai 700 centro galegos polo mundo e, sinceramente, moitos quixeran ter a estrutura que temos nós”. Sen embargo, amosouse convencido de que unha profesionalización da entidade “leva a que mesmo multinacionais se brinden a pechar acordos de colaboración”. Nese sentido, mencionou a establecida polo Centro Galego de Barcelona coa aseguradora Mapfre e outras que está a negociar “porque, á marxe do apoio público, hai que moverse para ver que poden achegar as empresas”.

O Centro Galego de Barcelona é un dos máis modernizados do mundo, como puideron comprobar “tanto a xente doutros centros como o presidente galego” na recente xuntanza da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, celebrada nesa sede o pasado mes de decembro. A ese respecto, Mandianes referiuse hoxe á modernización das instalacións –ubicadas nun edificio histórico catalogado de Barcelona, que conserva varios elementos de Gaudí-, os traballos preliminares para a dixitalización da biblioteca, a posta en funcionamento –hai case un ano- da oficina de turismo ou a apertura do restaurante Louro, que en pouco tempo tense convertido en referencia gastronómica na capital catalá coa súa oferta de fusión e innovación a partir da cociña galega.

LISTA DE ESPERA PARA O CURSO DE GALEGO

O Centro conta con arredor de 3.500 socios, que poden desfrutar de numerosas actividades culturais e de formación. Entre elas, Mandianes destacou o curso presencial de galego, no que actualmente hai 40 persoas en lista de espera, “aínda que agora tamén pode facerse de forma telemática, online, co apoio de Política Lingüística da Xunta”.

Ademais impártense obradoiros de gaita, baile tradicional, pandeireta, zumba ou ioga e acaba de recuperarse o curso de acordeón, impartido por unha profesora profesional dese instrumento “que foi difícil de atopar, porque en Cataluña tan só hai tres”. Doutra banda, salientou a traxectoria do coro Lonxe da Terra, propio do centro “que está empezando a saír a actuar fóra” e que xa o fixo en lugares tan emblemáticos como Montserrat ou a Catedral de Barcelona.

Paralelamente aos cursos e obradoiros, o Centro está a desenvolver unha intensa axenda de actividades culturais que buscan tanto a promoción dos valores de Galicia como a integración das culturas galega e catalá, así como a difusión de temas de interese social. Nese sentido, Mandianes mencionou na entrevista algunhas das previstas para este mes de xaneiro, como a presentación do libro “Vieiros da vida” da poetisa monfortina Elvira Veloso, socia do Centro.