O presidente do centro galego de Barcelona implícase na difusión e promoción da marca Galicia no eido da xestion do talento

Carlos Mandianes participou en Santiago no foro Afouteza “O Talento galego que volve no Nadal”, organizado polo Instituto Galego do Talento para coñecer a profesionais galegos influentes en distintos lugares do mundo e intercambiar experiencias sobre desenvolvemento de proxectos de innovación e impacto social
Publicado por o día 02/01/2019 na sección de Economía,Galicia

O presidente do centro galego de Barcelona implícase na difusión e promoción da marca Galicia no eido da xestion do talento

Na súa estratexia de facer do Centro Galego de Barcelona algo máis que un lugar de encontro dos galegos residentes na capital catalá, o presidente da entidade, Carlos Mandianes, implícase na difusión e promoción da marca Galicia no eido da xestión do talento, para o que estudiará coa xunta directiva o impulso de actividades dirixidas a ese obxectivo, de forma que o Centro se converta
nunha embaixada da dita marca.

Para tal fin, Mandianes participou o pasado venres no foro Afouteza “O Talento galego que volve no Nadal”, organizado polo Instituto Galego do Talento (IGATA) para coñecer a profesionais galegos influentes en distintos lugares do mundo e intercambiar experiencias sobre desenvolvemento de proxectos de innovación e impacto social. O Instituto Galego do Talento é unha comunidade integrada por líderes emerxentes nados en ou amantes de Galicia que impulsan a Marca Galicia en calquera parte do mundo mediante a xestión e promoción do talento. Entre as súas actividades, organiza os foros Afouteza, nos que se dan a coñecer tanto profesionais como proxectos concretos de innovación.

XESTIÓN, INTERNACIONALIZACIÓN E ATRACCIÓN DO TALENTO

Neste último celebrado en Santiago, Carlos Mandianes tivo ocasión de escoitar as experiencias de profesionais como Juan Fuentes, Delegado de LaLiga en Exipto, Sudán e Libia e embaixador IGATA en Oriente Medio; Begoña Jamardo, directora do Máster de Negocios Internacionais en IESIDE; Sonia Pazos, International Iberian Nanotechnology-Laboratory Business and Strategic Relations e embaixadora IGATA en Portugal; David Garrote, Employer Branding de Lidl e embaixador IGATA en Barcelona; Francisco Mateo, de Abanca Marca Empleo; Mónica Ahijado, directora das oficinas de Manpower na Coruña, Ferrol e Lugo; Emilio Froján, Production Manager en VOI e embaixador IGATA en Madrid; e Isabel Pérez Dobarro, líder da iniciativa SDSN-Youth da ONU e embaixadora IGATA en Estados Unidos, quen recentemente ofreceu unha conferencia no Centro Galego de Barcelona.

As súas intervencións abordaron diversos puntos de vista sobre a xestión do talento, a súa internacionalización, a formación e a aprendizaxe e a atracción de talento por parte das empresas. Ademais de escoitar as súas ponencias, Carlos Mandianes mantivo tanto con eles coma cos organizadores e outros asistentes conversas persoais nas que recolleu información de cara á promoción do talento galego desde o centro que dirixe.

Carlos Mandianes con Iván Olmos, consultor de Comunicación e Campión Mundial de Discursos, asistente ao foro
Mesa redonda do foro -foto de IGATA-)