O presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo visita o proxecto de rehabilitación do edificio da rúa Cruz Verde 12

Esta última actuación conta cun orzamento de 344.000 euros e un prazo de execución previsto de doce meses
Publicado por o día 12/02/2019 na sección de Galicia,Vigo

O presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo visita o proxecto de rehabilitación do edificio da rúa Cruz Verde 12

O presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegado territorial desprazouse hoxe ata o número 12 da rúa Cruz Verde para supervisar o avance dos traballos de rehabilitación que se están a acometer nesta edificación. Unha actuación que se suma a outras intervencións anteriores e a que se está a realizar no número 8 desta mesma vía. O orzamento é de 344.141,76 euros e o prazo de execución previsto de doce meses.

O edificio na súa orixe estaba formado por planta baixa e tres pisos e sitúase sobre unha parcela de aproximadamente 85 metros cadrados. Tras a súa compra en xuño de 2016, o CCVV tivo que proceder ao baleirado interior dado o seu mal estado de conservación, polo que o proxecto agora aprobado consiste na súa rehabilitación integral para adecualo ás condicións de salubridade, hixiene, illamento e seguridade mínimas necesarias. Para iso, procederase á modificación da súa volumetría orixinal a fin de adecuala á normativa actual, contemplándose o cambio de configuración da cuberta, que pasa a ser a dúas augas, e a diminución do fondo construído, que se reduce aos doce metros.

Segundo o novo deseño arquitectónico, a planta baixa acollerá un local comercial e a zona de acceso común ás vivendas. No primeiro andar e na parte de diante da segunda planta crearase unha vivenda unifamiliar de tres estancias, en tanto que a parte posterior da segunda planta e a totalidade da terceira acollerán outra vivenda unifamiliar, tamén de tres estancias.

Os traballos contemplan tamén a cimentación dos piares metálicos e do foso do ascensor; a modificación da soleira (para o seu correcto illamento) e a canalización das instalacións necesarias; unha nova estrutura en todos os pisos a base de forxados de chapa sobre vigas metálicas; unha cuberta de tella de acordo coa volumetría fixada no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI); o levantamento dunha nova fachada traseira, cos ocos necesarios para a ventilación e iluminación das habitacións; e a rehabilitación da fachada a Cruz Verde, que inclúe a reposición da galería do terceiro andar e das carpintería de madeira.

Comentar noticia

Your email address will not be published.