O préstamo de libros electrónicos nas bibliotecas públicas da Xunta duplícase desde o inicio da pandemia

Libros como ‘Infamia’, de Ledicia Costas; ‘El enigma de la habitación 622’, de Joël Dicker, ou películas como ‘O Apóstolo’ ou ‘O que arde’, entre os máis solicitados
Publicado por o día 31/01/2021 na sección de Cultura

O préstamo de libros electrónicos nas bibliotecas públicas da Xunta duplícase desde o inicio da pandemia

O consumo de libros electrónicos nas bibliotecas públicas da Xunta duplicouse desde o inicio da pandemia. Así se desprende do balance anual de GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato dixital que contabiliza129.784 os préstamos realizados o ano pasado, máis do dobre dos rexistrados en 2019, cando foron algo máis de 56.000.

Nos últimos meses empregaron a plataforma 18.620 usuarios, unha cifra que supón máis do dobre que o ano anterior, cando houbo 7.300 usuarios activos. Entre os libros electrónicos máis prestados situáronse títulos como Loboferoz, de Patacrúa, ou Infamia, de Ledicia Costas, así como La nena, de Carmen Mola, ou El enigma de la habitación 622, de Joël Dicker. No caso dos audiolibros, o que rexistrou un maior número de préstamos foi Largo pétalo de mar, de Isabel Allende, e no eido audiovisual O Apóstolo ou O que arde.

Este crecemento alíñase coa campaña #aculturasegue, que a Consellería de Cultura puxo en marcha a raíz da crise sanitaria para ofrecer unha programación de lecer e cultural a través de internet que permitise chegar a todos os fogares da Comunidade. Deste xeito, os centros da rede de bibliotecas públicas de Galicia e as bibliotecas centrais territoriais, xestionadas polo Goberno autonómico, veñen reforzando o seu papel na provisión de servizos culturais facilitando a descarga e visionado nos dispositivos electrónicos, de obras en formato dixital de temáticas diversas que cubren un amplo espectro de interese e de idades.

Fondo vivo en crecemento

A plataforma de préstamo GaliciaLe é un fondo vivo, no que periodicamente se incorporan novos títulos e formatos. Consta dun catálogo en galego e en castelán no que a día de hoxe están dispoñibles 6.000 títulos dos que máis de 5.300 son libros electrónicos, 324 son documentos audiovisuais, 212 audiolibros e 35 revistas.

O único requisito para poder facer uso de GaliciaLe é ter o carné de lector dunha das bibliotecas públicas que integran a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e conectarse a Internet para poder realizar o préstamo de calquera das obras que integran ambos catálogos. Sen necesidade de acudir presencialmente á biblioteca, o lector pode ler libros e revistas, escoitar audiolibros, interactuar cun libro interactivo e visionar películas desde a súa tableta, teléfono móbil ou PC. No caso dos libros poderá facelo, ademais, desde un lector de libro electrónico.