O Primavera do Cine pechará mañá a súa oitava edición e fará entrega dos galardóns na gala de clausura

A gala de clausura, que se celebrará ás 19.00 no Auditorio do Concello, estará conducida pola actriz galega Bea Campos e amenizada pola banda Senza, que achegará as sonoridades dos países lusófonos coincidindo co Día Mundial da Lingua Portuguesa
Publicado por o día 04/05/2019 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

O Primavera do Cine pechará mañá a súa oitava edición e fará entrega dos galardóns na gala de clausura

Despois de cinco días cheos das mellores obras galegas e lusófonas, diferentes actividades paralelas de gran éxito, como o Cine nos Barrios, coa proxección en Navia, o Casco Vello Alto e o Calvario de varias obras lusófonas, Viva Cuba, unha retrospectiva de cinema cubano ou Cine Miúdo, o Primavera do Cine despedirá a súa oitava edición cunha gala de clausura repleta de humor, música e cinema lusófono e moitas emocións.

A gala final estará presentada pola actriz galega Bea Campos e amenizada por Senza, unha banda que achegará as sonoridades dos países lusófonos ao evento coincidindo co Día Mundial da Lingua Portuguesa. Deste xeito, entre música lusófona e moito humor, iranse coñecendo os ansiados premios tanto do xurado profesional, como do xurado do público.

Así mesmo, proxectarase O meu poeta, unha fermosa curtametraxe de Hugo Portela Larisch que afonda no sentimento de saudade a través da música, a poesía e as lembranzas familiares.

Finalmente, o director do festival, Juan de Castro, dará por rematada a presente edición do Primavera do Cine e pechará a gala cun discurso final.

OS GALARDÓNS

Nesta gala de clausura entregaranse un total de oito premios: dous outorgados polo xurado profesional e seis polo público en base aos votos dos propios asistentes ao certame.

O xurado profesional está composto por diversas personalidades de recoñecido prestixio e procedentes do mundo audiovisual. Eles serán os encargados de seleccionar a mellor longametraxe galega e a mellor longametraxe lusa entre os 10 filmes da sección oficial.

Así, a difícil decisión de outorgar os galardóns ás mellores longametraxes galega e lusófona recaerán en mans do guionista e cineasta Alexandre Cancelo, quen destaca por ser produtor ou guionista de proxectos coma Cociñando na fin do mundo ou mesmo Aysha, gran gañadora do festival Curtocircuíto; a actriz e docente de interpretación Lola Correa, quen non so estivo ao fronte do Festival das Artes Escénicas de Vigo ALT (2002-2017), senón que tamén imparte talleres de Training de Interpretación e Escritura Creativa da UNED; crítico, programador e profesor de guión da Universidade de Vigo José Manuel López,  que é igualmente asesor da Oficina de Cooperación Audiovisual da Academia Galega e Anabel G. Penín, quen formou parte da directiva do Cineclube Lumière e foi responsable da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo durante oito anos.

Doutra banda, o público concederá seis galardóns: o premio á mellor curta galega, o premio á mellor curta lusófona, o premio á mellor curta de animación, o premio ao mellor videoclip, o premio á mellor longa galega e o premio á mellor longa lusófona.

GALEGAS DE CINE

Previamente, ás 11.30 no MARCO, terá lugar a última das actividades desta oitava edición do Primavera do Cine. Trátase de Galegas de Cine, unha clase maxistral en dúas sesións impartida pola docente Renata Otero e a cineasta Xisela Franco. Nesta actividade explorarase o papel que tivo a muller en toda a historia cinematográfica e falarase tamén das mulleres vinculadas ao eido audiovisual na actualidade.

Así, na primeira parte deste acto, que conducirá Renata Otero, abordarase o papel que tiveron as mulleres ao longo da historia do cine, xa que todavía existe un total descoñecemento do tema. O fin non é outro que dar a coñecer as grandes mulleres do cine, desde distribuidoras ata actrices, directoras de fotografía, de cine, produtoras… Por suposto, tamén se falará de cales eran as profesións máis demandas na época e a razón disto.

A segunda parte desta actividade, impartida pola cineasta Xisela Franco, tratará das cineastas galegas do presente. Debaterase sobre o concepto de muller cineasta como cuestión identitaria, proporcionaranse ferramentas para a realización de filmes con perspectiva de xénero e afondarase na influenza das teóricas feministas nas cineastas galegas da contemporaneidade.