O profesor Martín Llamas Nistal presidirá a IEEE Education Society

O director de atlanTTic formará parte da directiva da EdSoc durante os vindeiros seis anos
Publicado por o día 11/12/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O profesor Martín Llamas Nistal presidirá a IEEE Education Society

O director do centro de investigación atlanTTic e docente da Universidade de Vigo, Martín Llamas Nistal, foi nomeado presidente electo para o período 2021-2022 e presidente para os anos 2023-2024 da IEEE Education Society. O IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers) é a organización profesional técnica máis grande do mundo, con máis de 419.000 membros en 160 países, e está dedicada ao avance teórico e práctico da enxeñaría eléctrica, electrónica e informática. Pola súa banda, a EdSoc (Education Society) é unha das 39 sociedades nas que está organizado o IEEE e ten como obxectivo básico a teoría e a práctica dos métodos e tecnoloxías educativas involucradas na formación de todos os campos do IEEE.
Para o docente “é unha honra ter sido elixido polos meus compañeiros para estar na dirección da sociedade durante os próximos seis anos”. Explica que “na Education Society, o presidente está servindo durante tres etapas de dous anos cada unha: primeiro como presidente electo, tomando contacto e axudando ao presidente, logo como presidente, exercendo a máxima responsabilidade, e finalmente como presidente pasado, axudando ao presidente coa experiencia adquirida durante os catro anos anteriores”.

De cara a esta nova etapa, asume que terá “que afrontar moitos retos de futuro para estes próximos anos, algúns acelerados coa irrupción da pandemia”. Por exemplo, e dado que a Sociedade de Educación do IEEE tamén participa activamente na organización de varios congresos internacionais, terán que abordar como serán este tipo de eventos, seguramente nun formato híbrido, presencial e en liña. No que se refire ás publicacións, aposta por facer que “eses contidos de tan alta calidade sexan accesibles a todo o mundo”.
Recoñece que sen dúbida son retos ilusionantes que, “en poucas palabras, podemos dicir que contribúen desde a Sociedad de Educación ao principal lema do IEEE: avanzando a tecnoloxía para a humanidade”.

Longa traxectoria na organización

A súa relación coa IEEE EdSoc remóntase ao 2004, ano no que comezou a colaborar coa organización coincidindo coa fundación do Capítulo Español da Sociedade de Educación de IEEE (CESEI). Anos máis tarde, pasou a ser membro da súa Xunta Directiva na que sirve dente entón, e mesmo foi presidente do Capítulo entre 2008 e 2010. Entrou a formar parte do Comité de Planificación Estratéxica, desde 2010 ata 2018 foi presidente do Comité de Publicacións e vicepresidente de Publicacións entre 2011-2018. Desde 2019 e ata finalizar este ano exerce como vicepresidente para Membros e Actividades Xeográficas.
Tamén foi membro do grupo de traballo do estándar IEEE sobre laboratorios remotos e lanzou xunto ó profesor Manuel Castro a revista IEEE-RITA (Revista Iberoamericana de Tecnologías del Aprendizaje). Durante estes anos ten recibido varios premios do IEEE por outras actividades relacionadas co liderado no capítulo español e tamén co traballo realizado para o congreso EDUCON organizado pola EdSoc.

Como vicepresidente de Publicacións tivo que asumir a responsabilidade de velar polos niveis de calidade das principais revistas da asociación, IEEE Transactions on Education (IEEE-TE) e a lanzada xunto á Sociedade de Computación do IEEE, a IEEE Transactions on Learning Technologies (IEEE-TLT). En ambas participou nos procesos de selección de editor xefe, e o posterior seguimento para manter o alto nivel de calidade das mesmas, plasmado na inclusión de ambas no JCR (Journal Citation Report), actualmente no cuartil Q2 na edición de ciencias, e no caso de IEEE-TLT no cuartil Q1 da edición de ciencias sociais, considerada a revista referencia mundial sobre tecnoloxías de aprendizaxe. “Hai que destacar que as revistas son a canle de difusión do coñecemento dos científicos e tecnólogos”, remarca.

Comentar noticia

Your email address will not be published.