O profesor Rafael Vallejo presenta en Italia unha análise do turismo emerxente na España de principios do século XX

Cun mapa das provincias máis turísticas entre 1927-1934, encabezado por Guipúscoa e Baleares
Publicado por o día 01/04/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O profesor Rafael Vallejo presenta en Italia unha análise do turismo emerxente na España de principios do século XX

Arredor dun cento de docentes, expertos e estudantes participaron este xoves no Seminario internacional Tourism 4.0: Europe between Historiography and Research Frontiers que se celebrou na Università Cattolica del Sacro Cuore de Brescia. Un dos poñentes convidados a este simposio foi o catedrático de Historia Económica da Universidade de Vigo e membro do grupo de investigación Ecosot, Rafael Vallejo, que presentou unha análise do emerxente sector turístico na España de comezos do século XX, incluíndo un mapa das provincias máis turísticas entre 1927-1934, encabezado por Guipúscoa e Baleares.

O turismo en España non comezou co franquismo

O profesor Vallejo comezou a súa exposición lembrando que, fronte ao que se adoita pensar, o turismo en España non comezou co franquismo. Se ben o país converteuse en líder turístico mundial a partir de 1960 e, dende ese momento, está entre os cinco países máis turísticos do mundo por ingresos e número de visitantes, “o turismo comezou en España moito antes”, recordaba o docente. De feito, “nas décadas de 1830 e 1840 e, no primeiro terzo do século XX xa irrompeu o ‘turismo moderno’, concibido como industria”, engadía o docente.

Non obstante, como indicaba Vallejo, “a historiografía do turismo en España para o período 1900-1939, non foi quen, ata agora, de responder a preguntas como canto turismo; se se trataba de turismo nacional ou internacional; que achegou o turismo á economía española; se o turismo en España seguiu a mesma traxectoria e as mesmas fases que o turismo internacional ou o lugar que ocupou España no mercado turístico mundial antes da Guerra Civil”. Así, na primeira parte da súa intervención, o catedrático vigués centrouse en explicar os dous problemas principais polos que estas preguntas seguen sen resposta ata agora. Segundo Vallejo, “o primeiro problema é a falta de estatísticas turísticas, pois os primeiros rexistros oficiais orixináronse coa creación do Patronato Nacional de Turismo en 1928”. O segundo, destacaba, “é un problema de dobre desenfoque”. Por unha banda está “o desenfoque da ‘balanza turística’ ao tentar estudar a España dese momento como un ‘país turístico’, no que o turismo receptivo sería o máis importante, mentres que na realidade non o era”. O segundo desenfoque é o da “sobrevaloración da política turística, ao entenderse que era “o que determinaba o desenvolvemento turístico deste período, cando en realidade o avance turístico ata a Guerra Civil foi promovido polas iniciativas de particulares e empresas turísticas”.

Fontes alternativas para obter estatísticas

Atendendo ao problema de falta de estatísticas, o catedrático vigués apuntou como posible solución a fontes alternativas, como fontes fiscais, sectoriais (como balnearios ou hoteis) ou datos proporcionados polos estudos locais dispoñibles ou estatísticas internacionais de turismo, como as da Sociedade de Nacións e os primeiros expertos en Economía do turismo. Tamén apuntou ás novas metodoloxías que permiten obter información de fontes tradicionais, como as bases de prensa histórica dixitalizada. Empregando estes métodos, o profesor vigués elaborou uns innovadores Índices de Intensidade Mediática do Turismo que aplicou xa ao caso español, estadounidense, británico e agora está a traballar no italiano.
No caso de España, o Índice de Intensidad Mediática revela que “o turismo entre 1900 e a Guerra Civil seguiu a mesma traxectoria do turismo internacional, coas mesmas transformacións nas modalidades e suxeitos que efectuaban prácticas turísticas e nos axentes de servizos turísticos”. Tamén concluíu que o turismo en España estaba protagonizado por españoles e españolas, “arredor dun 85 a 90% dos turistas totais”. Pero o investigador remarcou que esta maior importancia “non significa que o noso país non participase do mercado turístico internacional”. De feito, os datos da Sociedade de Nacións amosan que nos anos previos á Guerra Civil, España non era aínda líder turístico mundial, pero que si “era un país emerxente” e en 1931 o país ocupaba o posto 13º no ránking mundial de países turísticos, e en 1933 xa era 9º.

Mapa das provincias máis turísticas

Na segunda parte da súa intervención, Rafael Vallejo presentou unha das novidades do seu traballo, un mapa das 22 provincias máis turísticas de España entre 1927 e 1934. Foi elaborado empregando seis indicadores de oferta turística e tres de demanda dese período e está encabezado por Guipúscoa e as illas Baleares,  seguidas de Barcelona, Madrid e Sevilla. A Coruña e Pontevedra tamén estaban entre esas 22 provincias máis turísticas do país e, segundo Vallejo, “nese mapa turístico da década de 1930 están sentadas as bases da xeografía turística da España da segunda metade do século XX”.

Todas estas cuestións están recollidas con detalle no libro Los orígenes del turismo moderno en España. El nacimiento de un país turístico, 1900-1939, que se publicará o próximo mes de maio con 25 capítulos e a colaboración dunha vintena de especialistas, como Margarita Vilar e Elvira Lindoso, da Universidade de A Coruña, e Kirsty Hooper, da Universidade de Warwick, que forman parte do grupo de investigación Turhisgal, que dirixe Vallejo.