A suspensión da actividade docente presencial por mor da crise sanitaria provocada pola COVID-19 e a declaración do estado de alarma levou o pasado mes de marzo á Universidade de Vigo a despregar diferentes recursos para garantir a continuidade do curso académico a través de plataformas telemáticas. Así, en poucos días, a institución académica puña en marcha o Campus Remoto, no que se integrou a plataforma de docencia virtual Faitic e dentro do que se crearon 1600 aulas virtuais, xerando así un “xemelgo dixital” da propia Universidade, no que están representadas os seus diferentes servizos, facultades e escolas. Ese xemelgo virtual, xerado sobre unha plataforma propia baseada en código aberto Big Blue Button (BBB), amplíase agora coa posta en marcha de máis de 2700 “despachos virtuais”, que posibilitan ao profesorado a realización de titorías, á vez que os dotan de diferentes opcións para a realización de exames non presenciais.
“Co Campus Remoto quixemos facer un xemelgo virtual da Universidade, e tras crear aulas e salas, a parte que nos faltaba era a dos despachos”, salienta o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez. Con máis de 2700 despachos creados nun novo “edificio virtual” deste Campus Remoto, as salas do profesorado, buscouse, como engade o vicerreitor, que todo o persoal docente da institución tivese asignado un destes espazos, que se puxeron en marcha esta semana no Campus Remoto, “primeiro cunha parte de proba piloto e agora xa funcionando con normalidade”. Trátase, como engade Míguez Tabarés, de espazos que poderán ser empregados exclusivamente por membros da comunidade universitaria, de tal xeito que, unha vez rexistrado, o profesor ou profesora poderá permitir o acceso a estudantes ou a outros docentes.
Unha opción para avaliacións virtuais
Nestes despachos virtuais, as e os docentes contan cun contrasinal para o acceso do alumnado, que poden ademais cambiar cando o consideren, e nel dispoñen dunha sala de videoconferencias, á que o alumnado pode solicitar acceso, permanecendo nunha “sala de agarda”, ata que o docente autorice a súa entrada. Deste xeito, esta nova ferramenta do permitirá levar a cabo “unha das funcións fundamentais dos docentes, como son as titorías”, como salienta Míguez. Do mesmo xeito, ademais de permitir realizar gravacións de contidos educativos, estes despachos tamén achegan posibilidades “moi interesantes á hora de facer exames”, como subliña o vicerreitor.
Nese senso, o profesorado poderá realizar exames orais no seu despacho e gravalos, de tal xeito que “estes quedan xa directamente almacenados nos seus ficheiros”, mais tamén está previsto dotalos nos próximos días de ferramentas adicionais como unha caixa de entrega masiva de ficheiros, que facilitaría tamén a realización de exames escritos, baseados na entrega de fotografías das respostas escritas con papel e bolígrafo. Deste xeito, búscase que a organización destas avaliacións a distancia poida facerse, como engade Míguez Tabarés, “con maior comodidade”, sen necesidade de reservar aulas virtuais,
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.