A CIG-Ensino denuncia a situación de improvisación continua no ámbito educativo desde o inicio do estado de alarma “que está a prexudicar a familias, alumnado e docentes”. Critican que a Consellaría se emenda a si propia cun documento de Preguntas frecuentes que condiciona as instrucións ditaminadas para o desenvolvemento do terceiro trimestre; mentres a conselleira, Carme Pomar, afirma un día nunha entrevista que as crianzas maiores de 6 anos cuxos proxenitores traballen presencialmente poderán volver tamén ás aulas este curso “e ao día seguinte retráctase na Xunta Autonómica de Direccións”.
Pola súa banda, a ministra de Educación anuncia que dentro de 20 días se reabrirán os centros para determinado alumnado nas zonas que entren na fase II, mais o Ministerio de Sanidade aínda non sabe con que equipamento de protección individual nin con que medidas de seguridade se van contar. “Estes son só algúns dos exemplos nos que o ensino está a ser obxecto de improvisación na xestión desta crise e que leva a que o profesorado non teña directrices nin un horizonte claro para poder planificar o remate deste curso”, advirten.
A día de hoxe a meirande parte do profesorado galego enfróntase no seu domicilio á tarefa de adaptar as programacións didácticas antes do día 12 de maio sen saber se a partir do día 25 Galiza estará en disposición de abrir de novo os centros de ensino para determinados niveis educativos como se prevé na fase II da desescalada formulada polo Goberno central.
Así, os escenarios segundo a etapa educativa ou mesmo a área de traballo poden ser moi variábeis: profesorado que imparta clase nalgún dos cursos que formarán parte dese desconfinamento“voluntario” (educación infantil até os 6 anos, 4º da ESO, 2º de Bacharelato, 2º de Ciclos de FP, alumnado de Educación Especial ou de calquera outra etapa educativa para reforzo) e que, polo tanto, teña que incorporarse presencialmente e á vez manter ensino online con outros grupos.
Ou profesorado que teña que incorporarse de facto, como o de infantil, pero que se atope coa problemática de que hai maior número de alumnado que cumpre os requisitos de regreso que as prazas permitidas por aula (15 segundo as directrices do Ministerio), zonas rurais con pouca densidade de poboación na que a case totalidade do alumnado se puidera reincorporar…
“Estas son algunhas das variábeis que poden producirse e que deberían terse en conta antes de lexislar de forma centralista desde Madrid, como se a realidade de todo o Estado e de cada territorio fosen a mesma, pero que lamentabelmente vén sendo o modus operandi do goberno español desde que empezou a situación excepcional por mor da pandemia da Covid-19 e á que se aferra a Xunta de Galiza unha e outra vez para non exercer as súas competencias efectivas en materia de educación”, denuncia a CIG-Ensino.
A función do ensino “non é a custodia nin a asistencial”
Desde o punto de vista da CIG-Ensino, esta improvisación constante ten como grave prexudicado ao profesorado, que malia todo se adaptou a marchas forzadas á teleformación, e ao alumnado e ás súas familias, poñendo en evidencia que a fenda social e dixital era aínda máis fonda que antes desta situación excepcional.
Agora, co plan de desescalada por fases presentado polo Ministerio de Sanidade “incídese nunha idea que agocha un uso perverso do papel social dos e das ensinantes, que o sistema educativo ten que solucionar os problemas do sistema económico e laboral. No mellor dos casos, estariamos ante o escenario de que unha parte do alumnado podería volver catro semanas ás aulas, do 25 de maio ao 19 de xuño, e no caso de que algúns territorios non cumpran os requisitos sanitarios para pasar á fase II a finais deste mes, o desconfinamento educativo limitaríase ao período entre o 8 e o 19 de xuño, é dicir, a dez días “lectivos””.
Segundo se extrae das declaracións da ministra de Educación, Isabel Celaá, a varios medios de comunicación, o Ministerio de Sanidade aínda non sabe con que medidas de protección deberán contar as profesionais docentes durante este período nin como se van garantir as medidas de distanciamento social nos centros, “que semellan inviábeis no caso de alumnado de curta idade, cando faltan 20 días para que se poida facer efectiva esta medida. Tal e como nos teñen acostumados ambos gobernos, os detalles iranse administrando confusamente a través de entrevistas das máximas responsábeis ou de comunicados delas, publicaranse no BOE e a Consellaría complementará cunhas instrucións”, subliñan dende a Federación.
Desde a CIG-Ensino cualifican esta situación de “despropósito absoluto” e alertan de que este desconfinamento só debería facerse cunha planificación previa clara, coa análise de todas as variábeis mencionadas, por áreas comarcais “e desde logo, e isto é o máis importante, con todas as garantías que permitan protexer a saúde da comunidade educativa. Se o que pretenden ambos gobernos é facer un ensaio-erro co ensino durante 15 días a finais deste curso para intentar lavarlle a cara ás empresas privadas e á ausencia de conciliación efectiva da vida familiar e laboral do sistema laboral no noso país, na CIG-Ensino opoñémonos frontalmente a esta instrumentalización do sistema educativo e da función docente en particular”.
Como defendemos historicamente e así se recoñece nas distintas leis educativas, o ensino non ten unha función asistencial nin de custodia das crianzas, polo que o labor docente debe ser educativo en todas as etapas e non está para resolver a falta de flexibilización das xornadas laborais do noso País.
Desamparo e indefensión fronte aos bandazos da Consellaría
Por outra banda, engaden, tampouco existe unha ruta clara á hora de afrontar o final deste curso e o terceiro trimestre en particular. Como soe ser habitual a falta de interlocución coa representación do profesorado leva a que a Consellaría siga actuando de costas ao seu persoal e publique no portal das direccións unha relación de Preguntas Frecuentes, que non se sabe quen llas fixo chegar e que emendan en parte as Instrucións do 27 de abril para o desenvolvemento do terceiro trimestre ao respecto da impartición ou non de novos contidos.
Se a isto lle engadimos que as declaracións da conselleira de Educación “no paripé de reunión coa comunidade educativa” do pasado 23 de abril tampouco se cumpriron no relativo a que este terceiro trimestre excepcional non implicaría un aumento do traballo burocrático para o profesorado, “fai que esteamos absolutamente no “desamparo e indefensión” ante unha situación na que as administracións responsábeis só poñen o acento en que se tire para diante a calquera prezo”.
“Nestes intres, a realidade é a que é, por moito que as administracións busquen sensación de normalidade”, advirten dende a CIG-Ensino, matizando que o persoal docente “está enleado en papeleo en lugar de poder centrarse na adaptación da teledocencia e no contacto co alumnado máis vulnerábel”.
Ademais, a falta de garantía de medidas de protección e hixiene e dunha planificación previa seria fai inviábel ou cando menos dificulta enormemente a volta ás aulas a partir do 25 de maio, aínda que sexa por grupos de alumnado, e a súa aplicación efectiva o 8 de xuño carece de sentido en todos os niveis educativos “porque en 10 días lectivos non se van resolver as posíbeis carencias existentes, agás no caso de alumnado de 2º de Bacharelato que poida precisar algún tipo de actividade presencial previa á realización das probas ABAU”.
É por isto que a CIG-Ensino esíxelles ás administracións galega e española que actúen exclusivamente con criterio sanitario e académico, que non esquezan os datos e a realidade (o Estado español segue sendo o segundo máis afectado da UE por esta pandemia) “e que non se pode xogar nin seguir improvisando coa saúde da comunidade educativa simplemente por velar polos intereses económicos do poder empresarial que opera no noso país”.
Debate sobre o próximo curso
En canto ás informacións que están transcendendo por parte do Ministerio de Educación arredor do inicio do próximo curso se se estende a pandemia, a CIG-Ensino amosa a súa preocupación porque de novo non se consulte ás OOSS nesta planificación e que non estean enriba da mesa as solucións reais que precisa o sistema educativo e que impedirían afondar no fracaso e nas desigualdades que se están a forxar no remate deste: reforzo da dotación de profesorado, permitir desdobres e baixar o número de alumnado por aula.
Afirmacións como as que se están a facer sobre adaptacións de ratios e espazos, que en todo caso é materia que lle corresponde á comunidade autónoma, “non axudan nada neste momento e requirirían nun debate previo con toda a comunidade educativa. É obvio que todas as adaptacións necesarias, tanto desde a perspectiva sanitaria como na necesidade de reforzar a acción titorial e de apoio educativo, van precisar dun financiamento moi importante en educación. A tensión orzamentaria, cunha elevada débeda pública que terá que incrementarse, debe estar dirixida a reforzar o sector público. Non o facer será un fracaso anunciado”.
En calquera caso, desde a CIG-Ensino lamentamos profundamente a estratexia de desviar a atención cara ao próximo curso cando aínda está sen resolver como vai ser o final deste.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.