O programa Concilia no Nadal finaliza mañá o prazo de inscricións

Desenvolverase os días 26, 27, e 28 de decembro e os días 2, 3, 4 e 7 de xaneiro de 2019 en horario de 09.00 a 14.00 horas, na casa da xuventude
Por o 17/12/2018 | Sección: Galicia,Lalín
O programa Concilia no Nadal finaliza mañá o prazo de inscricións
Compartir en:

O Concello de Lalín informa de que aínda quedan postos libres para participar no programa de conciliación, Concilia no Nadal. Nesta liña lembra que mañá é o ultimo día para realizar inscricións nesta iniciativa que pon en marcha o Concello de Lalín dentro do denominado Plan Concilia da estratexia DUSI Lalín Ssuma 21 financiada nun 80% por fondos FEDER no marco do POCS 2014-2020. As persoas interesadas poden facer as súas reservas nas oficinas do rexistro xeral do concello ou ben a través da sede electrónica do Concello de Lalín. Poden participar un total de 30 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos ambos inclusive, residentes e empadroados/as no Concello de Lalín. Así mesmo, reservarase unha praza máis para un neno ou nena con discapacidade.

A reserva de postos estase a levar a cabo por estrita orde de presentación de solicitudes no rexistro xeral do concello ou na sede electrónica municipal. Non obstante, o programa Concilia no Nadal -como o seu propio nome indica- ten o obxectivo primordial de facilitar a conciliación familiar e laboral en época de vacacións escolares. Porén, terán preferencia á hora de asignarse as prazas aqueles nenos e nenas de familias nas que traballen o pai e a nai, ou no caso de ser unha unidade familiar monoparental, na que traballe o proxenitor ao seu cargo. Para acreditar a necesidade de conciliación deberase presentar diferente documentación como a certificación de vida laboral, contratos laborais dos membros da unidade familiar maiores de idade ou calquera outro documento que xustifique a necesidade de conciliación por outro motivo.

Concilia no Nadal 2018 desenvolverase os días 26, 27, e 28 de decembro e os días 2, 3, 4 e 7 de xaneiro de 2019 en horario de 09.00 a 14.00 horas, na casa da xuventude. Durante estas xornadas os nenos e nenas participarán en obradoiros e actividades de diversa temática, tales como os relacionados coa ciencia, a cociña, a educación ambiental, a reciclaxe, os contos, as tradicións de Nadal, os monicreques etc.

Comentar noticia

Your email address will not be published.