O programa de mentorización MEET-UVigo ‘engancha’

A maioría dos mentores foron ‘mentees’ cando comezaron a etapa universitaria
Publicado por o día 27/11/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O programa de mentorización MEET-UVigo ‘engancha’

Os 60 estudantes que exercen de mentores e mentoras do seus compañeiros de primeiro curso comezaron na pasada primavera un programa de formación de 90 horas para adquirir as competencias necesarias para converterse en ‘anfritrións’. Agora, cando xa levan varios meses sendo mentores, chega o momento de facer un primeiro balance que permita poñer en común as dificultades coas que se atopan os estudantes, darlles  novas indicacións e cohesionar o grupo. Para isto, dende o pasado venres e, ao longo desta semana, estanse a desenvolver varias sesións de supervisión guiadas polo coach profesional, Manuel Rego, nas que participan tanto as e os mentores, como os coordinadores dos Plans de Acción Titorial dos centros implicados: as escolas de Enxeñaría de Telecomunicación e de Enxeñaría de Minas e Enerxía e as facultades de Filoloxía e Tradución, Química, Ciencias do Mar, Ciencias Económicas e Empresariais.

A primeira sesión, no que participou o alumnado de Química e Ciencias do Mar,  celebrouse o pasado venres, e o resto irán desenvolvéndose nestes días. Rego é o encargado de axudarlles a identificar os seus puntos fortes no seu novo rol así como as súas maiores dificultades no proceso e o xeito de afrontalas. Tamén fan un repaso polas diferentes competencias relacionadas coa mentoría que foron adquirindo nos pasados meses, como as técnicas de estudo, a xestión do tempo, a comunicación e un amplo abano de competencias tanto intrapersoais, coma o autocoñecemento, a intelixencia emocional, a asertividade e a xestión de emocións, como interpersoais, tales como o liderado, a motivación ou o traballo en equipo, son só algunhas destas capacidades, que agora están trasladando aos seus mentees.

Unha experiencia coa que se achega e que achega

Os mentores e mentoras guían a través da súa experiencia, coñecementos e actitudes ao alumnado que comeza a súa etapa universitaria, que adoita enfrontarse a grandes cambios. As e os mentores xa pasaron por esa etapa e poden achegar a súa axuda e consello dende a experiencia recente. De feito, boa parte dos mentores deste ano foron mentees no seu primeiro ano de carreira, como é o caso de Tania Pérez, cuxa motivación naceu da súa experiencia. “O mentorado viume xenial, de feito o meu mentor, co que manteño o contacto, foi un dos piares fundamentais do ano pasado, xa que eu veño da Coruña e atopábame soa” e recoñece que o seu mentor a “axudou a afrontar esa soidade e o feito de non coñecer a ninguén”. Non obstante, os motivos para enrolarse neste programa son moi variados entre o estudantado. O caso de Óscar Matasáns, tamén da Facultade de Química, é moi diferente, xa que como membro da Delegación de Alumnado do centro busca fomentar un ambiente de convivencia e cordialidade e considera que o feito de que “alguén de cuarto traballe cos rapaces máis novos é unha maneira de contribuír e establecer un contacto e relación con eles”.

Ademais, os estudantes implicados no proxecto fan un balance positivo da súa experiencia, non só polo que eles achegan senón polo que o propio programa lles achega a eles mesmos, pois tal e como recoñece Tania Pérez, outra das mentoras, o programa achégalle “moitas cousas, eu véxome reflectida neles e con iso coñézome máis a min mesma e plantéxome moitas cousas que o ano pasado non pensaba”. Ademais engade que a experiencia achégalle “tranquilidade e madurez, ao ver que estou axudando a eses rapaces”, un sentimento estendido entre os estudantes e que deixa entrever a parte menos altruísta do programa.

A formación dos mentores aos seus mentees

Os mentores xa levan tres reunións cos seus grupos, e inda que o primeiro encontro foi de presentación, o resto das reunións difiren entre grupos, xa que son os propios mentores os que deciden os contidos e a súa temporización, en base as recomendacións feitas no proceso de formación e tendo en conta as necesidades dos seus titorizados. Por iso, mentres algúns traballaron a xestión do tempo, outros preferiron aclarar o verdadeiro significado de ser mentor e traballaron a parte máis emocional da mentoría, en ocasións ca participación de mentores dos anos anteriores, como foi o caso de Tania Pérez.

Novidades do programa

Un das principais novidades do programa de mentoring nesta edición é que o enfoque ao mundo laboral. De feito, ata agora, explica M.ª  Ángeles Villar, técnica da Área de Formación e Innovación Educativa, “dende a coordinación estabamos enfocados ao estudante de primeiro curso, mais unha vez que acadamos axudar a este alumnado, agora estamos contactando con empresas para axudar ao alumnado do último curso na súa incorporación no mercado laboral”. Para isto, estiveron presentes por exemplo na Feira de Emprego, “e xa hai algunhas interesadas en colaborar no programa con formación, visitas ás súas instalacións”, explica.