O programa de mobilidade Iacobus presenta no campus as súas novidades

137 representantes da Universidade de Vigo foron seleccionados nas anteriores edicións

Fomentar a cooperación entre os centros de ensino superior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é o propósito central do programa Iacobus, que promove a realización de estadías transfronteirizas de investigadores e persoal de administración e servizos das tres universidades galegas e das universidades e institutos politécnicos do norte de Portugal. Xestionado pola Asociación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal, Iacobus abrirá nos próximos días a convocatoria da súa sexta edición, que ten como novidades á incorporación á mesma dos 22 centros tecnolóxicos da eurorrexión e a creación dun apartado de axudas para a publicación de artigos en revistas científicas nos que participen tanto investigadores e investigadoras galegos como portugueses.

A que foi a primeira das tres presentacións desta convocatoria promovida pola AECT Galicia-Norte de Portugal e a Fundación CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais), e a única prevista en Galicia, contou coa participación do presidente da AECT, Xosé Lago, e do director da Fundación CEER, Valerià Paül, xunto co vicerreitor de campus, Jorge Soto, quen salientou como unha “moi boa nova” que Pontevedra fose unha das sedes escollidas para unha serie de presentacións que continúan nas próximos días nas universidades portuguesas do Porto e de Tràs-Os-Montes e Alto Douro.

Vigo, a Universidade con máis seleccionados e seleccionadas

Na súa intervención, Soto lembrou que o Iacobus é un proxecto xurdido do protocolo de cooperación cultural, científica e pedagóxica que as universidades e centros de ensino superior da Eurorrexión asinaron en 2014, do que se desenvolveron xa cinco edicións. Nelas, segundo os datos ofrecidos por Lago, foron financiadas un total de 639 estadías, de entre as máis de 12000 candidaturas presentadas, por un valor de 692.600 euros. Delas, 137 correspondían ao persoal da Universidade de Vigo, a institución académica con máis seleccionados e seleccionadas das once participantes ata o de agora no Iacobus. Concretamente, o programa Iacobus destinou 154.000 euros á mobilidade de 82 membros do persoal docente e investigador, 41 investigadores e investigadoras pre ou posdoutorais e 14 membros do persoal de administración e servizos. “O balance que facemos destas cinco edicións é enormemente positivo”, salientou Lago dun programa que financia estadías de unha ou dúas semanas no caso do PDI, dunha semana no caso do PAS e de un a tres meses no referido aos investigadores e investigadoras e que abrirá o prazo de presentación de candidaturas da súa sexta edición entre o 29 de outubro e o 22 de novembro.

A actividade completouse así mesmo coas intervencións dos investigadores Diego Pinal, da Universidade do Minho, e Juan M. Trillo, da Universidade de Santiago de Compostela, que relataron a súa experiencia como participantes en anteriores edicións do programa.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM