O programa “DEPO en marcha 2018” achega esta semana a Vigo dous novos obradoiros

A Asociación de Xubilados e Pensionistas Avoa de Coruxo organiza unha actividade de Informática Avanzada e a Asociación Doa Saúde Mental traballará a Musicoterapia.
Publicado por o día 26/08/2018 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

O programa “DEPO en marcha 2018” achega esta semana a Vigo dous novos obradoiros

Ao longo desta semana preto de 40 persoas comezarán en Vigo dous novos obradoiros enmarcados no programa “Depo en Marcha 2018”, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra encamiñada a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros e actividades formativas que lles permitan mellorar a súa calidade de vida.

Máis polo miúdo, a partir deste luns, día 27 de agosto, un grupo de 20 persoas iniciarán, na Asociación de Xubilados e Pensionistas Avoa de Coruxo, un novo obradoiro de Informática Avanzada, que se desenvolverá na aula que a Asociación ten na estrada de Camposancos. As clases terán lugar todas as tardes durante dúas semanas, entre mañá luns 27 de agosto e o venres 7 de setembro, en horario de 16:30 a 19:30 horas.

Pola súa parte, a Asociación Doa Saúde Mental de Vigo organiza dende o vindeiro venres, día 31 de agosto, un obradoiro de Musicoterapia, que conta polo momento con 16 persoas inscritas. A actividade terá lugar na súa sede na Rúa Romil en Vigo e desenvolverase todos os venres en horario de 10:30 a 12:30 horas.

“Depo en marcha 2018” conta cun orzamento de 120.000 euros e desenvólvese a través de 166 obradoiros nun total de 37 concellos da provincia. As actividades diríxense a entidades de maiores, persoas pensionistas, prexubiladas, xubiladas e outras entidades sociais da provincia. Englóbanse en oito áreas temáticas: “Traballando coas mans”, “Entre fogóns”, “Aprendendo da natureza”, “Móvete”, “Activando corpo e mente”, “Enredando”, “Dálle marcha” e “En rede”.

O obxectivo é favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de actividades que lles permitan mellorar a súa calidade de vida, establecer relacións sociais e fomentar a participación social. Búscase ademais promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecer así a súa independencia para evitar o illamento e a soidade.