O programa Emprego Inclusivo formará a 19 persoas en desemprego a través do curso de “Auxiliar de Comercio” en Nigrán

A Fundación Érguete-Integración impartirá o Programa Formativo “Auxiliar de Comercio” en colaboración coa Deputación de Pontevedra, o Concello de Nigrán e Zona Franca

O vindeiro mes de setembro terá lugar o proceso de selección e dará comezo a acción formativa “Auxiliar de Comercio” organizada pola Fundación Érguete-Integración en colaboración co Concello de Nigrán. A actividade está promovida pola Deputación de Pontevedra e levarase a cabo no centro de negocios de Porto do Molle.

Esta formación busca proporcionar a persoas en busca de emprego os coñecementos e as habilidades necesarias para realizar o traballo no sector do comercio e impulsar a súa inserción laboral. Entre as competencias xerais que adquirirán as persoas asistentes están a prestación de atención e información protocolarizada e estruturada ao cliente; así como realizar actividades auxiliares de reposición e acondicionamento no punto de venda.

O curso vai dirixido a persoas desempregadas que se atopan en busca activa de emprego, polo que deben estar dadas de alta como demandantes de emprego e ter interese en formarse para traballar en tendas, supermercados e grandes superficies comerciais.

As persoas que desexen participar neste programa formativo, que ten un total de 19 prazas, poden anotarse chamando ao 986 253 176 e preguntando pola coordinadora da actividade Yolanda Gómez ou a través do e-mail incorpora@fundacionerguete.org, ata o 17 de setembro.

Formación con prácticas en empresas

O proceso de selección terá lugar os días 18 e 19 de setembro de 2019 en Centro Antena, de 09:00 a 13:00 horas. As probas de selección consistirán nunha entrevista persoal e na valoración de currículo vitae e situación persoal con respecto ao emprego (duración do desemprego e situación social). Na entrevista persoal valoraranse aspectos como a motivación da persoa, o seu nivel de  lectoescritura, e á súa traxectoria formativa e/ou profesional.

As persoas seleccionadas comezarán a formación o 23 de setembro. Esta impartirase de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas, no Centro de Negocios Porto do Molle, na Rúa das Pontes (Vía A), en Nigrán. En total serán 200 horas de formación da que 80 son prácticas non laborais en empresas da área de influencia de Nigrán.

Por tanto, o Programa formativo “Auxiliar de Comercio” proporciona ás persoas beneficiarias unha completa formación que combina a práctica e a teoría. Esta actividade realízase como parte do proxecto Emprego Inclusivo, financiado pola Deputación de Pontevedra, que está pensado para mellorar a empregabilidade das persoas en risco de exclusión social, facilitando a súa incorporación ou reincorporación ao mercado laboral, mediante formación de capacitación técnica e prácticas en empresa, e Itinerarios Individualizados de Inserción, que engaden á formación, os servizos de orientación e intermediación laboral.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM