O programa FEDER Galicia 2014-2020 supera con éxito os obxectivos marcados para a metade do período, que remata en 2023

A 31 de decembro de 2018, aprobáronse operacións por importe de 683 millóns de euros, que supoñen o 60% dos 1.142 millóns de euros programados
Publicado por o día 14/06/2019 na sección de Xunta de Galicia

O programa FEDER Galicia 2014-2020 supera con éxito os obxectivos marcados para a metade do período, que remata en 2023

No marco do Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional de Galicia (FEDER Galicia) 2014-2020 aprobáronse ata o pasado 31 de decembro máis de 2.000 operacións por un importe de 683 millóns de euros, o que supón case o 60% do total programado, que son 1.142 millóns.

Así se puxo de manifesto na reunión que celebrou onte en Santiago o comité de seguimento do programa operativo de FEDER Galicia, onde se deixou patente que co desenvolvemento destas actuacións se está consolidando o progreso autonómico cun modelo de crecemento intelixente, sustentable e integrador, en liña coa Estratexia Europa 2020.

Hai que destacar que neste momento, disponse de máis de 4.500 operacións seleccionadas e que Galicia cumpriu coa regra n+3 e co exame de rendemento, o que implica que é unha comunidade cumpridora e que o ritmo actual de execución dos indicadores prevé o cumprimento das metas previstas a 2023.

A reunión estivo copresidida polo director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Xunta de Galicia, David Cabañó e por un representante da Dirección General de Fondos Comunitarios, do Ministerio de Hacienda. Contou ademais, con representantes deste ministerio, da Comisión Europea, de diferentes departamentos da Administración galega, e das organizacións económicas e sociais máis representativas de Galicia.

Principais eixes e actuacións

No eixe 1 centrado na I+D+i concedéronse axudas para proxectos colaborativos de I+D+i orientada ao mercado, desenvolvidos en cooperación entre empresas innovadoras galegas e organismos de investigación, axudas á mellora da capacidade de innovación das empresas; ou á incorporación das TIC nos sectores produtivos de Galicia. Por exemplo, a 31 de decembro, beneficiáronse 348 empresas, xerando un investimento de máis de 40 millóns.

No eixe 2 de mellora do uso e calidade das TIC, seleccionáronse operacións por importe de 132 millóns de euros para servizos e administración electrónica como a confianza e a educación dixital, a sanidade dixital ou a administración xudicial electrónica.

Para mellorar a competitividade das pemes do eixe 3 prestáronse servizos de asesoramento a centos de empresas e outorgáronse axudas ao emprendemento, para fomentar a internacionalización, para proxectos de investimento empresarial; proxectos piloto da industria 4.0 ou axudas á dixitalización das pemes, aliñadas coa Estratexia Industria 4.0.

No eixe 4 destinado a favorecer o paso a unha economía baixa en carbono en todos os sectores, desenvolvéronse 31 sendas ciclistas-peonís; implantáronse proxectos de equipamentos térmicos de biomasa; leváronse a cabo actuacións de eficiencia enerxética en centros educativos, xulgados, edificios administrativos e hospitais. Por outra banda, para promover a adaptación ao cambio climático, melloráronse as redes de calidade das augas e do aire, as redes de observación meteorolóxica e contribuíuse á configuración da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía.

No eixe medioambiental financiáronse medidas de xestión de residuos domésticos e industriais, melloras en sistemas de saneamento, actuacións de conservación de bens do patrimonio natural e cultural galego; e continuouse co acondicionamento e sinalización das diferentes rutas en Galicia dos Camiños de Santiago.

No que respecta ás infraestruturas sociais e educativas, ademais das axudas a entidades de iniciativa social para servizos de inclusión social, e a concellos para mellorar a accesibilidade nos edificios e espazos de uso público, destacan os investimentos en escolas infantís e a construción de novos centros educativos como o IES de Soutomaior, con 480 prazas ou o CEIP de Culleredo, con capacidade para 350 alumnos.

Temas abordados polo Comité de Seguimento FEDER

Durante a celebración do Comité, abordouse polo miúdo a situación do Programa Operativo, o repaso das operacións seleccionadas e o grado de desenvolvemento das actuacións e as perspectivas de execución. Tamén se analizou a evolución da estratexia de comunicación, así como os avances nos plans de avaliación común e específico do programa.

Santiago acollerá tamén a vindeira semana a celebración do Comité de Seguimento do Fondo Social Europeo (FSE) 2014-2020, no que participarán representantes da Administración Autonómica, do Ministerio de Traballo e da Comisión Europea.

Este Comité enmárcase nunha actuación cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo FEDER de Galicia 2014-2020 con cargo ao Eixe prioritario de Asistencia Técnica deste fondo, cunha taxa de cofinanciamento do 80%. “Unha maneira de facer Europa”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.