O Programa Go2Work busca proxectos emprendedores no campus

O prazo de presentación de proposta está aberto ata o día 15
Por o 14/03/2018 | Sección: Universidade de Vigo
O Programa Go2Work busca proxectos emprendedores no campus

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este martes unha presentación do Programa Go2Work, de desenvolvemento de proxectos emprendedores do coworking da Escola de Organización Industrial EOI en La Molinera. Ata o 15 deste mes, as persoas que teñan “unha idea, enerxía e ilusión” poden presentarse a unha convocatoria da que os seus promotores destacan os servizos de mentorización e actividades, como talleres, sesións de formación grupal e eventos, que ofrece aos beneficiarios e beneficiarias.

O programa presentado este martes, explicouse ao alumnado presente no acto, é froito da colaboración entre a EOI, a Deputación Provincial e o Concello de Ourense, contando co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e a Deputación Provincial. Durante o acto, Lalo García, mentor-residente, fixo a presentación do programa; César Pichel explicou as características de La Molinera, e os mentores-especialistas José Velo e Luís Estévez explicaron aos asistentes a súa propia experiencia nesta convocatoria en edición anteriores.

Consultor de márketing dixital, Luís Estévez lembrou como ata hai pouco tempo era el o que estaba sentado nas aulas formándose. Froito da súa experiencia a un e outro lado, este emprendedor animou ao alumnado presente a compatibilizar “estudar e emprender” desenvolvendo todo tipo de proxectos. Emprender, recalcoulle aos asistentes “non é ningunha tolemia”, facendo fincapé en comezar “de menos a máis” e conscientes de que as ideas e os equipos evolucionan moito durante todo o proceso de maduración.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.