O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, asistiu hoxe á clausura do programa integrado de emprego Empréga-te III, impulsado pola Asociación de empresarios e profesionais CCA Compostela Monumental, co apoio da Xunta, e que permitiu favorecer a inserción laboral e a empregabilidade dun centenar de mulleres desempregadas no sector servizos.
O programa integrado de emprego incluíu formación para o emprego nas áreas de dependenta e atención ao cliente no pequeno comercio, auxiliar de supermercado, coctelería, barista, preparación de pratos fríos, camareira de piso e limpeza de superficies e locais, e recepción. Esta formación complementouse con coñecementos básicos de carácter transversal (como informática ou idiomas), ademais de obradoiros de activación laboral e mobilidade, así como de fomento da capacidade emprendedora. O programa tiña un obxectivo de inserción do 45% e, actualmente, xa chega ao 58%.
Casal explicou que Galicia está desenvolvendo 40 programas integrados cun investimento de 10M€ para 4000 desempregados e desempregadas e o compromiso de acadar unha inserción do 35%. Ademais, insistiu na aposta pola formación que representa unha prioridade para a Xunta, ben para persoas ocupadas ou ben para desempregadas, co obxectivo de crear máis e mellor emprego para toda a Comunidade e de contar cunha Galicia máis preparada, obxectivo ao que se prevé destinar, en 2020, máis de 260M€.
Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade.
Noticias de última hora en Vigo