O popular programa televisivo “Salvados” elixiu o Centro Galego de Barcelona para lanzar, a través dun spot que se emite estes días, a súa nova temporada.
A produtora Producciones del Barrio gravou na sede da entidade o anuncio de promoción da próxima etapa do renovado espazo de La Sexta, que se estreará o vindeiro domingo co xornalista galego Gonzo como presentador.
Para a gravación, recreouse no salón principal do Centro Galego unha sala de estar na que, tras aparecer o rótulo “Galicia, 1983”, se desenvolve unha escena entre un Gonzo neno e a súa tía. Despois dun breve diálogo, a tía recrimina ao pequeno Gonzo que ve demasiada televisión, o que dá paso ao lema “Se veía venir”. Para outra parte da promoción rodouse na biblioteca do Centro, de xeito que nos anuncios aparecen as zonas máis nobles da entidade.
O Centro Galego de Barcelona puxo a disposición da produtora as instalacións da entidade dentro do seu obxectivo de dar acollida a actividades culturais, sociais e de actualidade que teñan relación con Galicia e Cataluña ou promocionen o talento galego.
Noticias de última hora en Vigo