O “Proxecto Canles” mellora a coordinación para acortar tempos de resposta e resulción aos pacientes

A Dirección da área sanitaria de Vigo concluíu o proceso de establecemento de mecanismos de comunicación entre o persoal facultativo especialista de atención primaria e hospitalaria
Publicado por o día 28/09/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O “Proxecto Canles” mellora a coordinación para acortar tempos de resposta e resulción aos pacientes

O Proxecto Canles está sendo un éxito de participación activa, cooperación e implicación, na busca dunha mellor calidade asistencial para os pacientes da área sanitaria por parte dos profesionais de atención primaria e hospitalaria. Ten desbordado as expectativas da Xerencia toda vez que xurdiron propostas realizables, concretas, que conlevan un compromiso importante dos profesionais dos dous niveles asistenciais e que, de desenvolverse todas elas, colocarán a área sanitaria de Vigo como exemplo de colaboración entre primaria e hospitalaria.

A área sanitaria concluíu onte este proceso -derivado do Plan Estratéxico da EOXI de Vigo e tamén recollido no novo modelo de Atención Primaria- desenvolvido en 31 sesións de traballo mantidas entre médicos de primaria con cada un dos servizos hospitalarios. As reunións, coordinadas pola xerencia, a dirección de Atención Primaria, e a dilección de Procesos de Soporte, tiveron lugar na sede de Atención Primaria na rúa Rosalía de Castro e a ela desprazáronse 31 xefes de servizo e 30 adxuntos do hospital, asi como 15 profesionais de atención primaria.

En total, participaron máis de 80 profesionais de ambos niveis asistenciais, co obxectivo de establecer referentes para facultativos de primaria e os servizos hospitalarios, así como mecanismos de comunicación efectivos entre ambos niveis asistenciais.

Acordos

Entre os acordos máis significativos cabe subliñar o da priorización da atención a aqueles pacientes que presenten unha patoloxía que requira dunha actuación rápida e non demorable, a través de circuítos preferentes que garantan que a interconsulta e/ou a derivación ao hospital sexa resolta coa maior celeridade, mellorando así a capacidade de resolución da atención primaria.

Así, definiuse para cada situación clínica dos pacientes o mecanismo de comunicación correspondente: derivación a Urxencias; vía directa telefónica a través dos teléfonos específicos corporativos con que vanse dotar todos os servizos; e-interconsulta preferente ou ordinaria; ou derivación a consulta presencial. Como exemplos, acordouse a introdución da consulta presencial naqueles especialidades que carecían dela, como Dermatoloxía ou Medicina Interna; ou, pola contra, decidiuse a extensión da e-interconsulta (consulta telemática) a aqueles que non dispoñían desta modalidade asistencial, como Cirurxía Torácica, Oftalmoloxía ou Traumatoloxía, entre outros.

Ademais, definíronse as propostas de relación mutua entre primaria-hospitalaria en temas como rotacións polo hospital ou atención primaria, formación e colaboración. Tamén se propuxo que os médicos de atención primaria poidan coñecer cando un paciente seu vai a un comité de tumores, tendo a posibilidade de coñecer o resultado e, de ser o caso, poder asistir ao mesmo, de xeito presencial ou virtual.

Os documentos elaborados nestas xuntanzas afectarán a 31 servizos do Hospital e serán remitidos a todos os médicos de primaria e o hospital para o seu coñecemento e alegacións. A previsión é dispor na próxima semana da primeira versión deste documento, que recollerá as liñas de acción e medidas concretas consensuadas nestas xuntanzas .

Resto de servizos hospitalarios

Nos próximos días tamén realizarase unha xuntanza monográfica entre o servizo sde Pediatría -xunto con todas as especialidades que teñan asistencia pediátrica (Psiquiatría, Oftalmoloxía, Traumatoloxía, Cirurxía, etcétera) – cunha representación de pediatras de Atención Primaria.

Os 14 servizos hospitalarios restantes (son un total de 44) tamén participan no Proxecto Canles a través da modalidade da canle da consulta telefónica. Os profesionais de atención primaria terán a súa disposición os teléfonos dos deferentes servizos do hospital para resolver calquera dúbida que puideran prantexar. A estes teléfonos poderá chamar todo o persoal médico dos servizos de atención primaria. Ademais, os 23 servizos de atención primaria tamén disporán un Teléfono Canles para comunicación cos servizos do Hospital.

Ao finalizar este proceso a área sanitaria disporá de: 16 Vías rápidas oncolóxicas e non oncolóxicas; 21 e-interconsultas preferentes; 22 e-interconsultas ordinarias; 26 consultas presenciais; 67 servizos con Teléfono Canles; e un modelo de relación transversal para cada uno dos 31 servizos hospitalarios participantes.

Agradecemento pola colaboración

Segundo afirmou o xerente da área sanitaria, Julio García Comesaña, -“realizouse un esforzo por parte de todos os profesionais para chegar a acordos en aras de priorizar a atención ao paciente, mellorándose a accesibilidade á atención hospitalaria con novos circuítos organizativos, que terán un impacto moi positivo tanto no traballo dos profesionais como no incremento da calidade asistencial“-.

Dende e a xerencia da área sanitaria quérese agradecer a participación dos profesionais neste proceso, pola súa actitude e boa disposición na busca de consensos – “con este proxecto temos dado un gran salto organizativo e asistencial e avanzado de xeito moi importante na coordinación entre atención primaria e hospitalaria, moi demandada por todos, especialmente polos usuarios do sistema sanitario”.-

Comentar noticia

Your email address will not be published.