O proxecto CX-Geodrone representará a Galicia no Internacional Galileo Masters

Os investigadores da UVigo recibiron este mércores o premio como gañadores da fase rexional
Publicado por o día 20/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O proxecto CX-Geodrone representará a Galicia no Internacional Galileo Masters

Un radar instalado en drones para detectar, de xeito preciso, obxectos sobre un plano terrestre ou subterráneo. Esta é a proposta coa que o Grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas da Universidade de Vigo acaba de gañar o concurso Galicia Challenge. O premio foi recollido esta mañá polo catedrático Antonio Pino García e os investigadores Yolanda Rodríguez Vaqueiro e Alfonso Fernández da man do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o delegado da Zona Franca, David Regades. O certame Galicia Challenge encádrase na convocatoria europea dos premios internacionais Galileo Masters, convocados pola Axencia Europea GNSS e a Axencia Espacial Europea, e nos que competirá o equipo vigués o próximo mes en Helsinki na procura dun galardón continental.

Yolanda Rodríguez, investigadora Juan de la Cierva no Grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas, explica que o seu grupo ten un longo percorrido non só en proxectos de investigación senón tamén en transferencia e, neste sentido o premio é un “gran recoñecemento” e, ao mesmo tempo, é unha “boa maneira de dar difusión ao traballo e ás áreas nas que se investiga na Universidade de Vigo”.

Un “momento ideal” para a universalización das tecnoloxías de xeolocalización por satélite

A proposta gañadora, denominada CX-Geodrone, xorde da colaboración entre o equipo vigués e investigadores da Universidade de Oviedo como unha continuación do proxecto RadioUAV. Consiste nun radar instalado nun vehículo aéreo non tripulado que permite, mediante a utilización de bandas UHF e SHF, a detección e identificación de obxectos a nivel terrestre e subterráneo. Este sistema ten múltiples aplicacións, dende a detección de minas antipersoas e ou de episodios de contaminación mariña ata usos arqueolóxicos, localización de infraestruturas enterradas, servizos GPR tradicionais e detección de volume e altura de masas forestais preto de infraestruturas críticas como torres de media e alta tensión. De feito, dende o grupo de investigación remarcan que este é un “momento ideal” para a universalización deste tipo de tecnoloxías de xeolocalización por satélite e lembran que proxectos como CX-Geodrone son posibles “grazas á mellora nos sistemas de posicionamento GPS e a miniaturización dos dispositivos radar e de control necesarios”.

Agora mesmo o proxecto vigués atópase nas primeiras fases de desenvolvemento e como avanza a Rodríguez Vaqueiro, xa teñen desenvolvido prototipos para algunha das aplicacións mentres traballan en “solucións viables” para outros problemas xa identificados.

Un ano de incubación en Porto do Molle e expectativas en Helsinki

Como gañadores do premio rexional, Zona Franca proporcionaralles un ano de incubación no viveiro do edifico Aeroespacial de Porto do Molle, incluíndo a asistencia no desenvolvemento do produto, acceso a expertos, consultoría, formación e orientación económica para converter a súa idea en negocio. Ademais, Zona Franca tamén sufragará os gastos para que dous representantes do grupo asistan á cerimonia internacional de entrega de premios que se celebrará na capital de Finlandia o 4 de decembro. Dende o grupo da UVigo recoñecen que é unha “moi boa nova gañar o premio rexional” pero consideran que “o verdadeiro reto” está precisamente en Helsinki na fase final de Galileo Masters 2019. Nesta cita competirán con grupos de diferentes rexións europeas polo premio Idea do Ano e optarán a outros seis galardóns, estando xa preseleccionados para o Premio Especial de Aceleración dentro do programa EGNSS bootcamp, que inclúe 60.000 € en servizos profesionais neste campo de especialización. “Imos con confianza pero sabemos que é moi difícil porque hai máis de 300 proxectos provenientes de toda Europa”.

Terceiro premio para UVigo na fase rexional de Galileo Masters

A Universidade de Vigo tan xa unha longa traxectoria no concurso Galileo Masters, que busca premiar os mellores servizos, produtos e negocios que utilizan a navegación por satélite para aplicacións na vida cotiá. O catedrático Manuel García e o investigador Daniel Gómez gañaron esta fase rexional en 2016 co deseño dun radar pasivo biestático que permite que os drones aterren en circunstancias desfavorables. En 2015 foi a Agrupación Aeroespacial da Universidade a que gañou cunha aplicación para móbiles que permite enviar aos servizos de emerxencia unha imaxe coa localización exacta dun sinistro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.