O proxecto dun camping en Caritel súmase ao boom turístico que se está a vivir en Ponte Caldelas

O Concello tramita unha licenza dun establecemento en plena natureza que vén complementar a inminente apertura de dous hoteis na Reigosa
Publicado por o día 29/03/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O proxecto dun camping en Caritel súmase ao boom turístico que se está a vivir en Ponte Caldelas

O sector turístico móvese en Ponte Caldelas e o Concello está a tramitar xa a terceira solicitude de licenza para un establecemento hoteleiro tras anos de parón. Desta volta trátase dun novidoso camping na Pousa (Caritel) que se basea na construción de 12 bungalows en forma de domo ou cúpula xeodésica.

O proxecto, que en principio cumpre con tódolos parámetros urbanísticos e administrativos, está asentado nunha parcela de case 8.000 metros cadrados nunha paraxe natural dunha gran beleza. A finca conta cunha vivenda unifamiliar abandonada que vai ser restaurada como recepción e para ofrecer os  servizos  centrais do camping. Ao seu carón habilitarase un aparcamento con capacidade para 15 vehículos.

O futuro camping caldelán terá capacidade para aloxar a 32 persoas na ducia de casas domo, das que varias teñen capacidade para catro persoas e o resto para dúas. Todas elas  dispoñen de  salón,  dormitorio,  cociña, baño e terraza, así como unha parcela asignada.

As cúpulas xeodésicas están construídas en madeira e revestidas cun illamento exterior de color tella. Dispóñense sobre unha suave ladeira para garantir unha correcta disposición sobre o terreo e protexelas visualmente do exterior, aínda que toda a finca está pechada e conta con  vexetación que garante a intimidade.

Os promotores do camping explican tamén que a súa intención é chegar a acordos con  empresas da contorna para ofrecer servizos complementarios como paseos a cabalo, actividades no encoro de Eiras,  rutas de sendeirismo,  etcétera. Nunha xuntanza co alcalde, Andrés Díaz, expresaron o seu desexo de estar operativos antes da apertura do Centro Termal de Ponte Caldelas, unha iniciativa municipal que observan como unha oportunidade  única e estratéxica.

O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) está moi satisfeito con este espertar turístico de Ponte Caldelas, pois xa está a piques de abrir o Hotel A Reigosa e atópase en obras o Hotel Catavento, a carón do polígono industrial da Reigosa. Non se descartan novas iniciativas pois téñense producido consultas previas para a apertura de establecementos no mesmo centro urbano de Ponte Caldelas.

Andrés Díaz destaca que os avances para o rexurdir do Balneario, reconvertido nunha moderna Estación Termal, a inauguración da praza de España coa súa fonte luminosa (que está a atraer numeroso público) e a programación constante de actividades durante a fin de semana dan corpo a unha política municipal que está a producir retornos empresariais mesmo antes de completar tódolos seus  obxectivos.