O proxecto educativo do Revitaliza para divulgar a compostaxe

A mostra “dun dos artistas galegos máis internacionais” estará aberta ata o 26 de abril e completarase con obradoiros, visitas guiadas e mesas redondas
Publicado por o día 11/02/2020 na sección de Galicia,Deputación de Pontevedra,Pontevedra

O proxecto educativo do Revitaliza para divulgar a compostaxe

Mostras de compost, material divulgativo, o xa moi coñecido ‘xogo da miñoca’ e os xogos dos ‘bichocos’, así como lupas de aumento para observar a vida interior dos composteiros serán algunhas das ferramentas que o equipo de divulgación do Plan Revitaliza levará mañá e ata o venres ao 9.º Salón da oferta de educación e formación de Galicia para dar a coñecer o proxecto educativo sobre a compostaxe que a Deputación está a desenvolver nos centros de ensino de toda a provincia.

Xunto con outros departamentos provinciais, o Revitaliza de compostaxe terá o seu espazo propio no salón. Será o persoal técnico do Centro de Investigación e Divulgación Ambiental (Ceida) –co que a Deputación ten asinado un convenio de colaboración– o que dará a coñecer as actividades do programa de educación ás e aos estudantes, profesorado, persoal orientador, pais e nais, responsables de centros educativos e profesionais da educación que pasen pola feira.

O programa divulgativo do Revitaliza busca afianzar os conceptos relacionados coa compostaxe, que é e como se aplica o compost, que vías hai para compostar (composteiros individuais ou centros de compostaxe comunitaria) e cales son as súas vantaxes. O obxectivo principal é explicar o importante que é a compostaxe en proximidade tendo en conta o importante problema ambiental que supón a xestión dos residuos para os municipios.

O programa da Deputación e o Ceida vai xa pola súa cuarta edición cun grande éxito entre o alumnado de toda a provincia. Este ano incorporáronse novas actividades xa que moitos centros de ensino repetiron na iniciativa solicitando máis obradoiros divulgativos.

O Ceida asesora aos colexios e institutos nos seus proxectos de investigación sobre compostaxe, organiza charlas de formación ao profesorado, exposicións itinerantes, actividades educativas para alumnos e alumnas (coloquios, xogos sobre residuos, posta en marcha de composteiros, visitas a centros de compostaxe comunitarios, obradoiros de identificación de invertebrados presentes na compostaxe…), elaboración de materiais didácticos, seminarios sobre xestión de residuos ou a organización de eventos sobre compostaxe. Nestes momentos pódense solicitar aínda obradoiros para o que queda de curso.

 

Todas as actividades finalizan anualmente no mes de maio, cando varios centros da provincia que levan todo o curso traballando na materia e expoñen os seus traballos froito da implicación do alumnado nun congreso escolar.