O proxecto Epicovigal empregará a análise xenómica para entender a evolución e circulación do coronavirus en Galicia

Nel participarán equipos do SUG, dos institutos de investigación sanitaria e dos hospitais galegos
Publicado por o día 23/07/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O proxecto Epicovigal empregará a análise xenómica para entender a evolución e circulación do coronavirus en Galicia

Entender a evolución e circulación do SARS-CoV-2 en Galicia a través da análise xenómica de 1000 mostras de pacientes contaxiados co obxectivo último de contribuír á toma de decisións no eido da saúde pública na loita contra este virus. Este será o reto do proxecto Epicovigal, liderado polo catedrático da Universidade de Vigo David Posada e no que participarán equipos de investigación das universidades, dos institutos de investigación sanitaria e dos hospitais de referencia de Galicia.

O proxecto, que terá unha duración inicial dun ano, leva por título Epicovigal: epidemioloxía xenómica e monitorización en tempo real do SARS-CoV-2 en Galicia. A iniciativa acadou recentemente 170.000 euros de financiamento do Fondo Supera Covid-19, froito da colaboración do Banco Santander, as universidades españolas, a CRUE e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Epicovigal contará coa participación de, ademais do Grupo de Filoxenómica do CINBIO-Universidade de Vigo que dirixe Posada, do Grupo de Xenomas e Enfermidade, da Universidade de Santiago de Compostela, e do Laboratorio de Bases de Datos, da Universidade da Coruña. Tamén participarán os servizos de Microbioloxía dos sete centros hospitalarios de referencia do Servizo Galego de Saúde, os tres institutos de investigación sanitaria de Galicia e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

1000 mostras

“A nosa intención é intentar pór o noso grao de area, axudar desde a ciencia facendo o que sabemos facer”, explica David Posada recalcando a importancia tanto do compromiso como do rigor científico no momento actual. A grandes liñas, resume, Epicovigal consistirá en obter dos hospitais galegos mostras do virus, concretamente do seu material xenético, o ARN, e secuencialo para obter o seu xenoma completo. A partir desa secuenciación, engade, realizaranse unha serie de análises informáticas, matemáticas e evolutivas que permitirán identificar que variantes do virus hai en Galicia e intentar estimar parámetros epidemiolóxicos, como a taxa de contaxio, as migracións do virus ou as orixes. “O reto principal será obter as mostras axeitadas, nas condicións axeitadas e coa información axeitada para que as poidamos secuenciar e obter o xenoma con fiabilidade. A partir de aí o noso traballo é máis fácil, xa que aplicaremos técnicas que xa coñecemos. O máis difícil é coordinar os esforzos dos once equipos participantes e a loxística das mostras”, indica o investigador do CINBIO, Centro de Investigacións Biomédicas cofinanciado con fondos Feder da UE. Neste senso, David Posada recalca como “non queremos xerar expectativas que non son”, facendo fincapé en que este proxecto “non ten como obxectivo estudar a patoloxía do virus senón estudar como e cando se move en Galicia”.

Segundo explican os promotores da iniciativa, “a vixilancia xeneralizada para a transmisión comunitaria do SARS-CoV-2 é unha necesidade crítica, incluso despois de que a pandemia actual se teña controlado”. O amplo espectro de gravidade da enfermidade, engaden, “dificulta a vixilancia tradicional, de maneira que a epidemioloxía xenómica pode proporcionar información procesable e complementaria para informar a toma de decisións en saúde pública, en particular de maneira asimétrica en distintas áreas sanitarias”.

Liñas de traballo

Os obxectivos que se propón o proxecto, detallan os seus responsables, son varios pero sempre referidos a Galicia. Entre eles están realizar unha mostraxe xenética pormenorizada do SARS-CoV-2 na comunidade autónoma; identificar as súas liñaxes predominantes, orixes e rutas de transmisión; inferir a súa dinámica poboacional; detectar posibles clústeres de transmisión dentro e entre diferentes áreas xeográficas e analizar a variación xenómica deste coronavirus dentro de pacientes. A iniciativa tamén quere pór a punto e comparar a eficiencia de distintas plataformas para a secuenciación xenómica deste virus en hospitais galegos.

Os resultados da proposta, explican os seus promotores, “permitirán entender mellor a circulación do SARS-CoV-2 en tempo e espazo en Galicia”. Así, detallan, grazas a unha mostraxe intensiva (1000 xenomas), coa análise filodinámica poderase estimar con maior fiabilidade o número mínimo de introducións que ocorreron, os patróns de transmisión e se as cadeas de infección transmitidas localmente teñen sido limitadas en tamaño e duración. “Isto permitirá, por exemplo, saber se a detección e as intervencións implementadas nas áreas de estudo foron efectivas para interromper a transmisión do virus”, apunta o coordinador da iniciativa.

Mediante este proxecto, indican os seus responsables, tamén se pretende xerar unha rede de contactos “entre investigadores e clínicos, universidades e hospitais”, así como pór en marcha unha plataforma de secuenciación e análise xenómica que permita unha monitorización detallada en tempo real de novos brotes do virus en Galicia, de cara a obter información útil para a toma de decisións locais en cada momento. Esta plataforma, sinalan, integrarase e compartirá a súa información con outras plataformas e estruturas similares de ámbito estatal e internacional coas que os promotores do proxecto xa colaboran, en especial coa plataforma NextSpain.

Recoñecemento

Epicovigal foi un dos proxectos distinguidos este mércores pola tarde nun acto co que a Real Academia Galega de Ciencias recoñeceu o traballo de 20 grupos de investigación das tres universidades galegas na crise da covid-19. Ademais da iniciativa liderada por David Posada, foron distinguidos proxectos dos investigadores da Universidade de Vigo Claudio Cameselle, Iván Area, Higinio González, Federico Mallo, Jorge Pérez Juste e Jacobo Porteiro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.