O proxecto europeo Unifors deseñará estratexias para mellorar as competencias transversais do alumnado de grao

Na reunión inicial, celebrada en Polonia, participaron os docentes Itziar Goicoechea e Íñigo Cuiñas
Publicado por o día 04/11/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O proxecto europeo Unifors deseñará estratexias para mellorar as competencias transversais do alumnado de grao

Nos últimos anos as competencias transversais estanse consolidando como unha formación, non só importante, senón fundamental e necesaria para o alumnado dos graos. Por este motivo, as universidades están cada vez más implicadas en deseñar programas formativos que redunden la adquisición deste tipo de características por parte do alumnado. Tanto é así que algúns plans de estudo dos graos xa inclúen este tipo de contidos e cada vez son máis os docentes que apostan por achegar ao seu estudantado coñecementos relacionados coa toma de decisións, comunicación, xestión do tempo, organización ou traballo en equipo. A última das iniciativas posta en marcha neste campo é o proxecto Erasmus + KA2 Unifors (Universities for future work skills 2020), unha iniciativa na que están implicadas cinco universidades, entre elas a de Vigo, e dúas empresas europeas.

A reunión de lanzamento do proxecto, que terá unha duración de 30 meses, tivo lugar esta semana en Olsztyn (Polonia), coa Universidade de Warmia e Masuria como anfitrioa, e Vigo estivo representada polo director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas e a profesora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía Itziar Goicoechea. Na xuntanza participaron tamén o resto dos socios do proxecto, as universidades Rumana-America (RAU), Politécnico de Porto, Haute Ecole de Liège e as empresas Infalia de Grecia e Método Consultores de Vigo.

A finalidade, deseñar actividades formativas paras as universidades

Íñigo Cuiñas, que coordina equipo vigués, explica que Unifors é un proxecto europeo de innovación educativa que busca “mellorar a aprendizaxe de competencias transversais nos estudantes de grao e a integración desta formación nas universidades europeas”, dado que son coñecementos e potencialidades que demanda o propio tecido económico e industrial para os seus futuros profesionais. Neste sentido, e dada a implicación directa co mercado laboral, o proxecto comezou coa investigación sobre as competencias máis demandadas nas empresas, a través dunha serie de enquisas deseñadas a medida por todos os socios. Con esta información e a demanda dos estudantes, explica o profesor da Universidade de Vigo, “deseñarase unha colección de actividades formativas, en colaboración con todos os participantes e en diversos países europeos, que serán testadas por estudantes das universidades implicadas”. Estas actividades poderán dar lugar á incorporación nos graos de novas materias, lembra Cuiñas, “propias de competencias transversais ou ao deseño de cursos complementarios”.

O director da EE de Telecomunicación é o responsable de coordinar o equipo de docentes da Universidade de Vigo, que está integrado por representantes de diferentes centros, como Manuel García Sánchez, Manuel Fernández Iglesias, Ana Vázquez Alejos, Edita de Lorenzo, Manuel Caeiro, Perfecto Mariño, Enrique Costa, Francisco Javier Díaz Otero, María Vera Isasa, Verónica Santalla e Pablo Torío, co asesoramento de Eva Garea, da Oficina de Relacións Internacionais. Nos vindeiros meses continuarase coas seguintes partes do estudo, que pasan por realizar a investigación en empresas e entre estudantes e profesores para determinar cales son as competencias que espertan maior interese en ambos sectores e preparar con elas as actividades formativas. A próxima xuntanza terá lugar na Universidade Rumano-Americana en Bucarest no mes de maio e nela os socios do proxecto disporán xa dos resultados necesarios para elaborar o programa formativo, que se coordinará por parte do grupo de traballo da Universidade de Vigo.