O proxecto Inmena desenvolve un sistema automatizado de inspección e monitorización ambiental de edificios

Permite determinar medidas de aforro enerxético sen que estas reduzan a calidade do aire interior
Publicado por o día 28/01/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O proxecto Inmena desenvolve un sistema automatizado de inspección e monitorización ambiental de edificios

Tras tres anos de traballo, o proxecto Inmena presentou este xoves os resultados da investigación na procura da optimización da xestión enerxética de edificios. Esta iniciativa, inserida na convocatoria Conecta Peme da Xunta de Galicia, une empresas (DiagnóstiQA, coordinadora, Insega e Proyestegal) e persoal investigador, representado polos Grupos de Tecnoloxía Enerxética (GTE) e o Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas (Geotech) da Universidade de Vigo. O proxecto conseguiu desenvolver un sistema automatizado de inspección e de monitorización ambiental de edificios que permite afondar no coñecemento das condicións de confort da zona de ocupación e na posibilidade de aplicar medidas de aforro enerxético sen que as mesmas supoñan unha redución na calidade do aire interior dos edificios. En concreto, neste estudo o equipo empregou como caso de estudo instalacións do Hospital Povisa de Vigo.

A encargada de presentar os resultados foi Ruth Doval, de DiagnóstiQA Consultoría Técnica, empresa líder do proxecto que agradeceu ao Hospital Povisa que lles permitisen “probar o equipo nunha contorna real”. Explicou que o obxectivo era “desenvolver equipos de monitorización e inspección e integralos nunha simulación enerxética que se calibre automaticamente, de maneira que poidamos simular e predicir o comportamento ambiental e enerxético dun edificio no futuro”.

A responsable da compañía fixo un repaso polas diferentes etapas do proxecto, dende o deseño e probas dos diferentes dispositivos de toma de datos ata o software de análise. “Os dispositivos funcionaron correctamente, tanto os sensores como os sistemas de comunicación e almacenamento de datos”, resumía. Doval tamén engade que “os datos obtidos co software de interpolación pódese considerar que son bastante exactos e que o caso de estudo que levamos a cabo en Povisa demostrou a correcta comunicación entre as distintas partes de Inmena”.

Na xuntanza deste xoves participaron por parte da Universidade de Vigo os investigadores Pedro Arias, do grupo Geotech, e Enrique Granada e Pablo Eguía, do GTE. O proxecto conta coa subvención da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) cun orzamento total de 552.924,19€.

O dispositivo móbil, en primeiro termo, na parece o estático

Dous sistemas de toma de datos

Neste proxecto, os investigadores do consorcio deseñaron, empregaron e validaron dous tipos de dispositivos de monitorización e inspección. Por unha banda, un dispositivo fixo, que mide múltiples variables monitorizadas, como  temperatura, humidade, presión, iluminancia, CO2, partículas e radon, e por outra banda, un dispositivo móbil de inspección inmersivo que permite realizar medidas do confort a diferentes alturas en diferentes posicións dentro da sala. Tamén xeraron unha ferramenta avanzada de simulación enerxética de edificios mediante o deseño de novos algoritmos que integran os datos monitorizados que parametrizan o uso e confort interior.

O laboratorio de probas para testar estes dispositivos e ferramentas foi o Hospital Povisa, na rúa Barcelona, en concreto a sala de espera de consultas externas do complexo onde se instalaron catro dispositivos de parede, ademais de empregar un sistema móbil de toma de datos. Os investigadores puideron demostrar o bo funcionamento, tanto dos dispositivos desenvolvidos como dos modelos xerados a partir dos datos recompilados, e automatizando tamén a xeración do arquivo BIM (Building Information Modeling) a partir das nubes de puntos. “Demostrouse, mediante simulacións, que as medidas de conservación da enerxía deberían ir encamiñadas ao aumento da eficiencia dos sistemas, pois o edificio atópase moi ben illado do exterior”.

O sistema emprega algoritmos de aprendizaxe automática para coñecer o estudo de variables como a temperatura ou a concentración de CO2 na zona de ocupación, pero monitorizando as variables noutras zonas. Desta forma, explican os investigadores, “pódese coñecer o estado da calidade do aire en todo o espazo das estancias realizando a monitorización nuns poucos lugares. Gracias a isto, “pódese determinar cando as variables de confort ambiental, como calidade do aire, temperatura, humidade e iluminación, comezan a estar fóra do seu rango de valores apropiado e actuar en consecuencia, por exemplo, variando caudais de aire ou a cantidade de aire exterior que é introducida nos edificios.