O proxecto LifeTEC testará as súas tecnoloxías de loita conta incendios nas comarcas de Deza e Tabeirós-Montes

O obxectivo é reducir o tempo de detección de incendios e mellorar a seguridade das brigadas
Publicado por o día 15/01/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O proxecto LifeTEC testará as súas tecnoloxías de loita conta incendios nas comarcas de Deza e Tabeirós-Montes

O proxecto Europeo LifeTEC, para a loita contra os incendios forestais, arrancou en decembro de 2017 coa previsión de poder testar os primeiros resultados en campo en 2019. Os tempos estanse a cumprir e a partir deste verán o equipo liderado polo Grupo de Sistemas de Radio do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) traballará en colaboración co Consorcio Contraincendios e Salvamento das Comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes para probar in situ as tecnoloxías desenvolvidas ata o momento. Para isto, o reitor da Universidade de Vigo Manuel Reigosa e Ramiro Varela, presidente do consorcio, asinaron este martes un convenio marco de colaboración.

A finalidade do acordo é testar as tecnoloxías desenvolvidas nos primeiros meses de vixencia do proxecto, que serven para reducir o tempo de detección dos incendios forestais e mellorar a eficiencia e a seguridade das brigadas contra incendios facilitando as comunicacións e a xeo-localización das mesmas. Verónica Santalla é a investigadora principal do proxecto e explica que probarán fundamentalmente os equipos de comunicacións que están desenvolvendo para as brigadas que traballan na extinción de incendios. Inicialmente as primeiras probas terán lugar este verán e, tras realizar as melloras precisas, volveranse realizar no verán de 2020. O equipo agarda ter os primeiros prototipos listos en maio, para despois comezar coa formación dos bombeiros e que poidan empregar este sistema de comunicación cando comece a temporada de incendios. Para o presidente do consorcio, Ramiro Varela, esta colaboración coa Universidade é de especial importancia ao tratarse dunhas comarcas que son “non de alto, senón de altísimo risco de lumes”.

No proxecto, que se enmarca no Programa de Medio Ambiente e Acción polo Clima (LIFE) e conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros e tres anos de duración, están implicados, ademais da Universidade de Vigo, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (Meteogalicia), o Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA) e Retegal.

Mellorar a comunicación da brigadas

Coas novas tecnoloxías que se están a desenvolver no proxecto LifeTEC, entre outros avances, melloraríase a comunicación das brigadas coa base central. Verónica Santalla explica que tanto os walkie-talkies como a telefonía móbil poden perder a cobertura, “pero a nosa idea é que os equipos empreguen a rede sistemas de comunicación dixitais móbiles non comerciais con estándar Tetra (TErrestrial Trunked Radio), de Retegal”, que ademais de asegurar a comunicación, permite ter xeolocalizados aos equipos en todo momento. “É unha maneira de darlles seguridade, de saber onde están e poder comunicarse con eles con moita máis fiabilidade da que ofrecen outros medios”, xa que o sistema funcionaría incluso en situacións extremas ou de saturación que provocan que o resto de redes de telefonía móbil se colapsen.

Estes sistemas irán embarcados nun vehículo de mando do consorcio de bombeiros con funcións de posto de despacho de xestión de xeolocalización de efectivos. Por outro lado, esta colaboración co consorcio de bombeiros permitirá tamén analizar o listado de concellos que se atopen nun radio de 50 km do Radar Meteorolóxico de Cuntis, para filtrar de modo axeitado aqueles máis apropiados para poder obter a información temporal e espacial sobre os incendios forestais declarados neses concellos para validar o algoritmo de detección con radar.

Redución do tempo de detección dos incendios

O proxecto LifeTEC, ademais da mellora da seguridade das brigadas, ten outra liña de investigación centrada na diminución do tempo de detección dos lumes forestais. Para isto, a plataforma tecnolóxica empregará os radares meteorolóxicos situados en Cuntis e Arouca (Portugal), operados por MeteoGalicia e o IPMA respectivamente, para detectar a tempo incendios forestais. Os investigadores explican que os incendios forestais provocan un descenso abrupto da humidade e un elevado ascenso das temperaturas, orixinando un cambio significativo do índice de refracción da atmosfera, afectando á propagación das ondas electromagnéticas, cambios que son detectados polos radares.