O proxecto LitterDrone recibe este venres a distinción como Mellor Proxecto TIC con beneficios sociais

A mellor tese de doutoramento aplicada ao sector TIC tamén ten selo da Universidade de Vigo
Publicado por o día 31/05/2018 na sección de Universidade de Vigo

O proxecto LitterDrone recibe este venres a distinción como Mellor Proxecto TIC con beneficios sociais

O proxecto LitterDrone botou a andar a comezos do ano 2017 como unha das iniciativas seleccionadas na convocatoria europea BlueLabs cun orzamento total de 392.657€ e dous anos de duración. O seu obxectivo é unir o coñecemento do persoal investigador, as empresas e a sociedade civil para monitorizar o lixo mariño empregando drones e análise de imaxes. A súa aposta por empregar innovación tecnolóxica para a salvagarda do medio natural valeulles recentemente un dos Premios Galicia das Telecomunicacións. O investigador principal do proxecto, Fernando Martín, recolle mañá venres este galardón ao Mellor Proxecto TIC con beneficios sociais no transcurso da gala de celebración da XXIII Noite Galega das Telecomunicacións no Hotel Pazo Los Escudos.

O xurado deste certame valorou especialmente “a calidade e grao de innovación” dunha iniciativa liderada polo Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) e na que están implicados tamén o grupo I-markt (Ecobas) da Universidade de Vigo, a empresa de material topográfico Grafinta e a Asociación Española de Basuras Marinas. A finalidade de LitterDrone, como explica o profesor Fernando Martín, é “aplicar as tecnoloxías dos vehículos aéreos non tripulados para conseguir imaxes que posteriormente se procesarán para a detección de posibles residuos presentes nas praias ou noutras zonas costeiras”. Isto permitirá localizar o lixo para poder así axilizar o traballo do persoal encargado da limpeza.

Sobre o galardón, Martín valora moito a súa concesión, “polo que representa para o proxecto en canto a difusión e tamén como impulso”. Destaca o feito de que sexa un premio concedido por expertos en tecnoloxía, que se outorga en base a unha descrición técnica dos traballos presentados. “Presentamos un informe moi detallado e isto vén a ratificar que non o fixemos mal”, engade. Considera tamén moi importante o feito de que se trata dun premio a proxectos con beneficio social, “neste caso é moi claro que a resolución de problemas ambientais supón un beneficio á sociedade”. Neste sentido, a aplicación da tecnoloxía ao medio ambiente “é unha grande axuda á resolución dos problemas ambientais, existen xa outros exemplos e seguro que aparecen moitos máis”.

Balance da primeira fase do proxecto

Tras algo máis dun ano dende que arrancou o proxecto, o profesor Martín fai un primeiro balance da primeira fase. Explica que despois de moitas probas “establecemos un protocolo para a realización de campañas de campo”, o que inclúe elixir o tipo de drone, a altura do seu voo ou as cámaras que interesa empregar. “Tamén aprendemos como procesar as miles de fotografías individuais obtidas para xerar unha representación global da zona de interese, sexa unha praia ou parte dela” remarca o investigador. Avanza tamén que unha vez realizado ese primeiro procesado ou preparación, “as imaxes globais obtidas son procesadas por un software que elaboramos nos mesmos”. Esa aplicación está agora mesmo en fase beta, é dicir, está a ser probada por usuarios para detectar posibles melloras e corrixir erros. Tras unha versión beta 0.0 e a actual 0.1 o equipo agarda chegar a “unha nova versión que xa debería ser case definitiva”, aínda que puntualiza que “no mundo do software o definitivo non existe”.

Premio á mellor tese aplicada ao sector TIC

Os Premios Galicia das Telecomunicacións 2018 deixan tamén outro galardón para a Universidade de Vigo, concretamente na categoría Mellor tese de doutoramento aplicada ao sector TIC, patrocinada por Gradiant. O autor do traballo é David Vázquez, que foi seleccionado pola súa investigación sobre a detección de remostraxe de imaxes e pegadas de codificación de vídeo para aplicacións forenses. Como explica o propio investigador, o obxectivo deste traballo é recuperar a confianza nos obxectos multimedia, a través de novas técnicas para detectar e localizar falsificacións, pero tamén para inferir información sobre o historial de procesamento sufrido por un contido multimedia.

No seu caso, o xurado valorou como razón determinante desta distinción o reto tecnolóxico de alto nivel ao que dá resposta o traballo, que contribúe á análise forense de probas mediante o incremento da confianza nos contidos dixitais, as transferencias tecnolóxicas á empresas e a solicitude de patentes.