O proxecto MarENet lanza un programa de emprendemento para fomentar ideas de negocio innovadoras no sector da Economía Azul

Ofrece asesoramento e formación durante dez meses a proposta de Irlanda, Francia e España
Publicado por o día 27/01/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O proxecto MarENet lanza un programa de emprendemento para fomentar ideas de negocio innovadoras no sector da Economía Azul

O proxecto europeo MarENet – Atlantic Maritime Ecosystem Network- coordinado polo Campus do Mar está a poñer en marcha un programa de emprendemento para impulsar propostas de negocio innovadoras relacionadas coa economía azul. Esta iniciativa está aberta para recibir propostas de Irlanda, Francia e España, os tres países socios do proxecto, ata o 28 de febreiro.

O programa de emprendemento trata de responder aos obxectivos fixados para o proxecto MarENet, que pasan por fortalecer a cooperación entre as empresas marítimas e o mundo académico para mellorar a visibilidade das oportunidades de formación e profesionais no sector da Economía Azul en Europa. Así, o Blue Entrepreneurship Programme pretende captar ideas de negocio innovadoras ligadas á economía azul nos tres países para axudar a fortalecer as competencias dos candidatos e provelos de ferramentas que os axuden a poñer en marcha súa idea de negocio relacionada co eido mariño.

O prazo de envío de solicitudes está aberto ata o vindeiro 28 de febreiro.

Dez meses e cinco fases

O programa terá unha duración de aproximadamente 10 meses e proporcionará aos participantes as ferramentas e habilidades necesarias para desenvolver as súas ideas de negocio relacionadas co medio mariño e convertelas elementos que contribúan á promoción da competitividade do sector marítimo en Europa.

No Blue Entrepreneurship Programme poden participar persoas emprendedoras e iniciativas empresariais que propoñan ideas de negocio que respondan a calquera dos desafíos dos diferentes sectores relacionados co eido mariño, como construción naval, portos, pesca, acuicultura, sectores emerxentes, biotecnoloxía, etc. En total, seleccionaranse un máximo de 30 propostas de España, Francia e Irlanda, cuxos impulsores recibirán asesoramento e formación para  avanzar no proceso de desenvolvemento empresarial que transforme a idea nun negocio innovador. O programa comprende cinco fases en total e, mentres nas primeiras se avanza e madura o proxecto, posteriormente terá lugar un Blue Hackathon, do que sairán as ideas con máis potencial. Así, so longo dos dez meses de incubación, as persoas participantes terán a oportunidade de adquirir habilidades empresariais a través de cursos de formación da man de expertos; aprender a preparar un modelo de negocio e un plan financeiro; presentar a súa proposta a inversores; crear unha estratexia de márketing e un plan de marca, etc. Para iso contarán coas achegas de expertos a través de seminarios web, que tamén abordarán as oportunidades dos sectores representativos da Economía Azul.

Tras estas fases terá lugar o Blue Hackathon, unha fase de competición que terá lugar en Cork, Irlanda, e da que sairán os proxectos seleccionados. Este evento ofrecerá ás e aos participantes a oportunidade de interactuar coas partes interesadas da contorna marítima-portuaria. Na derradeira fase do programa de emprendemento, os proxectos seleccionados no hackathon recibirán asistencia para identificar financiamento potencial, oportunidades e sinerxías coa industria para converter as ideas nunha realidade empresarial.