O proxecto para dotar ao barrio do Burgo dun novo parque incorpora 400 metros cadrados de terreo e suma unha terceira pista de petanca e dúas de chave

Tralos adiamentos provocados pola pandemia, o concelleiro Iván Puentes anuncia o reinicio dos traballos para acondicionar o solar máis próximo á avenida da Compostela e pavimentalo con xabre

Tralos adiamentos que o estado de alarma provocou nas obras de acondicionamento dos terreos, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de retomar os traballos que permitirán dotar ao barrio do Burgo dun novo parque, iniciando as obras de pavimentación con terrizo de xabre da parcela de 652 metros situada entre a rúa Fernández Cochón e a avenida de Compostela, na parte traseira do Pavillón dos Deportes. O responsable do departamento municipal, o socialista Iván Puentes, anunciou hoxe que o plan inicial de rexeneración paisaxística verase mellorado de xeito moi substancial, ao incorporar uns 400 metros cadrados de superficie doutra parcela adxacente (da que se retirou a principios de xuño un vehículo abandonado) e sumar unha pista de petanca ás dúas que estaban previstas e engadir dous xogos de chave.

“O resultado -avanzou Puentes- será a creación dunha nova zona verde de 1.000 metros cadrados, que servirá de lugar de encontro, lecer, xogo e descanso para os veciños do Burgo, nun espazo moi degradado, abandonado durante todos estes anos e ocupado polos entullos e a maleza. Investiremos máis de 86.000 euros (o dobre do contemplado no proxecto inicial) en dotar estas dúas parcelas de tres pistas de petanca,  xogos de chave, amplos bancos, xardíns, unha fonte, sistemas de iluminación e rego automático e diversas árbores que permitan establecer zonas de sombra”.

As actuacións de acondicionamento da parcela máis próxima á avenida de Compostela puxéranse en marcha a finais de febreiro, cando o Servizo de Parques e Xardíns comezara a retirar entullos, pedras e maleza. Os labores retómanse agora coa finalización da limpeza dos terreos, a inminente demolición dos muros perimetrais e a nivelación, afirmado e rasanteado do solar mediante unha motoniveladora. Unha vez rematados estes traballos, procederase á pavimentación da parcela con terrizo de xabre granítico de dez centímetros de espesor (incorporándose unha capa separadora anticontaminante de xeotéxtil de 200 g/m2).

Melloras na accesibilidade e a comunicación coa zona de Pasarón

Tal e como apuntou Iván Puentes, o novo plan de actuación “permitirá crear un parque moito máis amplo e un espazo de enorme calidade urbanística, mellorando de maneira moi substancial a accesibilidade e a comunicación coa zona de Pasarón e coa avenida de Compostela mediante unha senda que conectará ámbolos espazos de lecer e a capela de Santiaguiño do Burgo”. “Será un novo lugar de encontro, xogo e descanso para a veciñanza dun barrio en pleno crecemento, enmarcado na ambición desta Concellería de xerar corredores verdes que vencellen os parques da cidade coas ribeiras do río Lérez e a ría de Pontevedra”, afirmou o edil de Desenvolvemento Sostible.

O proxecto de rexeneración paisaxística deseñado polo Servizo de Parques e Xardíns contempla a instalación dunha fonte e de varias papeleiras, así como de diversos bancos corridos e dun circular (na esquina noroeste da parcela máis grande), todos eles con asento de madeira e con amplitudes que farán posible o mantemento do distanciamento social. Ademais, dotarase ao futuro parque do Burgo dun sistema de iluminación que permitirá xogar á petanca e á chave en condicións de pouca luz natural e polas noites, o que incrementará as horas de uso das pistas durante o inverno.

A proposta plantexa unha fermosa composición a nivel de xardinería, con dous tipos de plantacións: por unha banda, catro aliñacións arbóreas repartidas en ámbalas parcelas, dúas nas lindes do parque (cara á rúa Fernández Cochón) e dúas próximas ás pistas de petanca (para darlles sombra a estas e aos bancos); e pola outra, unha zona constituída por un noiro situado ao noroeste do solar máis próximo á avenida de Compostela, onde a vexetación se adaptará a unha topografía ascendente en dirección á capela do Santiaguiño. Nesta esquina construirase un banco de pedra rematado en madeira que enmarcará e delimitará o noiro, que será tapizado, conferindo un fondo de vexetación moi atractivo para o espazo máis encaixonado de toda a parcela.

Muros de mampostería e valado metálico en cor verde

O concelleiro Iván Puentes explica que o parque quedará delimitado perimetralmente por muros de mampostería “cun acabado coidado a nivel estético” e por un valado metálico pintado en cor verde. As zonas verdes conservaranse mediante un sistema de rego automatizado, por goteo con mangueiras perforadas no caso do noiro, por redes de aspersión na franxa de céspede máis ancha e mediante difusores nos outros xardíns.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario