O proxecto Sherpa do Mar creará unha plataforma eurorrexional de fomento da competitividade no eido mariño

A xuntanza de lanzamento realizouse esta semana en Santiago de Compostela
Por o 18/07/2019 | Sección: Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
O proxecto Sherpa do Mar creará unha plataforma eurorrexional de fomento da competitividade no eido mariño
Compartir en:

Sherpa do Mar é un dos tres proxectos da convocatoria Poctep 2019 nos que a Universidade de Vigo é beneficiario principal. Trátase dunha proposta que ten como obxectivo crear e dinamizar unha plataforma eurorrexional en Galicia e o norte de Portugal para o fomento da competitividade no eido mariño e marítimo a través do impulso de empresas de base tecnolóxica con alto valor engadido.

A xuntanza de lanzamento desta iniciativa tivo lugar esta semana en Santiago de Compostela e contou coa presenza de representantes das entidades implicadas, lideradas polo grupo REDE da Universidade de Vigo, que dirixe catedrático Xosé Henrique Vázquez. Xunto a este grupo de investigación están implicados no proxecto o Campus do Mar e a Vicerreitoría de Investigación, ademais do Consorcio Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Universidade de Santiago de Compostela e a da Coruña, por parte  de Galicia e a Associação de Transferência de Tecnologia da Asprela (UPTEC), a Universidade do Porto Inovação (UPorto-UPIN), o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) e Fórum Oceano-Associação da Economia do Mar, pola parte portuguesa.

A finalidade do proxecto é crear unha plataforma eurorrexional de fomento da competitividade no eido mariño, para o que contarán cun orzamento total de 997.184 €, financiado nun 75% pola Unión Europea a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg e un 25% cofinanciado polos propios membros do consorcio. Do orzamento total, 342.779 euros corresponden á Universidade de Vigo. O prazo de finalización do proxecto está previsto para decembro de 2021.

Primeira xuntanza de traballo

Os socios do proxecto Sherpa do Mar traballarán coordinadamente para potenciar as sinerxías tecnolóxico-científicas existentes na eurorrexión e dinamizar a creación e consolidación de novas actividades empresariais intensivas en coñecemento no ámbito mariño-marítimo. Estas accións favorecerán, á súa vez, o impulso da innovación, a xeración de emprego, o emprendemento e o incremento da competitividade empresarial. Para iso apostarase polo apoio personalizado ao emprendedor, a conexión e coordinación dos diferentes sistemas de axuda ao emprendemento xa existentes e o impulso da transferencia universidade-empresa-universidade.

Na xuntanza de lanzamento desta semana, a Universidade de Vigo estivo representada por Daniel Rey, director do Campus do Mar; Noelia Estévez, tamén do Campus do Mar, Anxo Moreira, técnico da OTRI e, por parte do grupo de investigación REDE os investigadores Carlos Rodríguez, Fernando León e Andrea Ogando. No transcurso desta reunión realizouse unha revisión do plan de traballo, repasando en detalle cada unha das actividades a desenvolver ao longo dos próximos dous anos e medio. Tamén se revisaron as responsabilidades de cada un dos socios e avanzouse no deseño das primeiras tarefas e analizouse, cos membros do consorcio, os aspectos máis relevantes da normativa do Programa Poctep.

Comentar noticia

Your email address will not be published.