O proxecto TurGaSur crea o primeiro catálogo dos arroaces de Galicia

IXARO e BONANZA, os arroaces decanos do catálogo de aletas da CEMMA, coñecidos dende hai 20 anos.
Por o 11/06/2019 | Sección: CEMMA,Medio Ambiente,Social
O proxecto TurGaSur crea o primeiro catálogo dos arroaces de Galicia
Compartir en:

O pasado mes de decembro, a Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños-CEMMA (http://www.cemma.org) puxo en marcha o proxecto “TurGaSur: seguimento e mellora do coñecemento da Unidade de Xestión Tursiops truncatus Galicia Sur en áreas Rede Natura 2000″ (http://www.cemma.org/turgasur_gal.htm), contando co apoio da Fundación Biodivesidad (https://fundacion-biodiversidad.es/es) do Ministerio para la Transición Ecológica, a través da Convocatoria 2018 de concesión de axudas da Fundación Biodiversidad, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de actividades no ámbito da biodiversidade terrestre, biodiversidade mariña e litoral, e o fomento da información ambiental.

TurGaSur está adherido ao LIFE IP INTEMARES (http://www.intemares.es), o maior proxecto de conservación mariña que se está a desenvolver nestes momentos en Europa.

O obxectivo xeral do proxecto TurGaSur é contribuír á conservación dos arroaces (Tursiops truncatus) a través das áreas mariñas Rede Natura 2000 e da participación social.

Como obxectivos específicos de TurGaSur podemos sinalar os seguintes:

– Mellorar o coñecemento sobre a estrutura social e o uso do hábitat da Unidade de Xestión Tursiops truncatus-Galicia Sur.

– Avaliar e promover as áreas mariñas Rede Natura 2000 como elementos de importancia para a conservación da Unidade de Xestión Tursiops truncatus-Galicia Sur.

– Potenciar a participación social como ferramenta fundamental para a conservación das áreas protexidas e das especies ameazadas, mediante a participación en mostraxes científicos.

Para levar a cabo este proxecto e poder realizar os traballos de monitorización de cetáceos, a CEMMA conta con autorizacións administrativas expedidas por la Subdirección General para la Protección del Mar-Ministerio para la Transición Ecológica, e pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural-Xunta de Galicia, xa que os arroaces son unha especie protexida.

O proxecto finalizará no vindeiro mes de outubro.

CATÁLOGO DE FOTOIDENTIFICACIÓN

Unha das principais accións que se están desenvolvendo nestes momentos dentro do proxecto é a elaboración do Catálogo de fotoidentificación de arroaces, no que están incluídos todos os exemplares que foron rexistrados e identificados a través das fotografías das súas aletas dorsais.

Para a elaboración do catálogo foi preciso revisar e catalogar máis de 70.000 fotografías, que foron realizadas pola CEMMA ao longo dos últimos 20 anos. Nestes comentos, o catálogo conta con máis de 580 aletas diferentes, das que se levará a cabo unha selección daquelas que corresponden aos animais que presentan unha maior taxa de recaptura, contando con rexistros repetidos ao longo de máis de dous anos diferentes. Se agarda que o número final de arroaces incluídos no catálogo chegará á cifra de 130 individuos, entre os que destacará un grupo de máis de 85 exemplares que son os que contan cun maior número de recapturas ao longo dun período mínimo de 5 anos. Algúns destes exemplares mesmo foi recapturado fotográficamente ao longo dun período de 19 anos.

O catálogo de fotoidentificación será editado proximamente pola CEMMA, e ademais das imaxes das aletas dorsais dos arroaces, contará cun bloque de información específico para difundir un código de boas prácticas, dirixido especialmente á náutica de recreo, co obxectivo de que as persoas que navegan a bordo destas embarcacións teñan coñecemento de que os cetáceos son especies protexidas, e que existe unha normativa (Real Decreto 1727/2007, de 21 de decembro, por el que se establecen medidas de protección de cetáceos) na que se indica que existe una zona de permanencia restrinxida para as embarcacións situada a 300 m dos animais, e outra de exclusión, que non pode ser rebasada, establecida a 60 metros de distancia.

IXARO e BONANZA.

O arroaz IXARO foi rexistrado fotograficamente por primeira vez nas augas de Galicia no ano 2000.

A primeira captura fotográfica de BONANZA se remonta ao ano 2001, sendo recapturado posteriormente case de maneira continua cada ano, en diferentes puntos da costa galega, principalmente nas Rías Baixas. O seu último rexistro realizouse o 15/01/2019 nas augas da Ría de Vigo, durante a mostraxe TurGaSur TGS02.

Estes dous exemplares son os dous decanos e vellos coñecidos dos estudios de fotoidentificación dos arroaces en Galicia. Este ano, se chegamos a rexistrar a presenza de ambos nas mandas das Rías Baixas, serían exemplares que poderían ter superado os 30 años de idade, pois todo apunta a que, no seu primeiro rexistro, xa eran animais adultos.

BONANZA. Aleta dorsal de BONANZA. Fotografía correspondente ao seu último rexistro en Galicia. Mostraxe TGS02 do proxecto TurGaSur, realizada o 15/01/2019 nas augas da Ría de Vigo.
IXARO. Aleta dorsal de IXARO. Fotografía correspondente ao seu último rexistro no 2018, nas augas da Ría de Vigo.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.